A Academia Xacobea inaugura o curso 2024 incorporando como membro de Honra ao arcebispo de Santiago de Compostela

  • Francisco José Prieto Fernández formalizou o seu ingreso esta tarde, no transcurso dunha sesión na que a Académica de Número Milagros Otero Parga foi a encargada de ler a lección inaugural
  • O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, loaron o talante, a capacidade e a relevancia intelectual do arcebispo e felicitaron á Academia polo seu ingreso

A Academia Xacobea abriu esta tarde, de xeito oficial, as actividades do curso 2024 cunha sesión solemne que serviu tamén para dar entrada na institución como novo Académico de Honra ao arcebispo de Santiago de Compostela, Francisco José Prieto Fernández. No acto, celebrado no Paraninfo da Universidade de Santiago, tomaron a palabra o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o reitor da USC, Antonio López; o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou; o secretario xeral, Ulises Bértolo, e os académicos Isidro García Tato e Milagros Otero Parga, encargados, respectivamente, de facer a laudatio do novo membro da Academia e de ler a lección inaugural do curso 2024.

O presidente da Academia Xacobea lembrou que hai agora dez anos deron comezo os primeiros pasos para a creación desta institución, formalizada no ano 2017, e lembrou que neste tempo ten desenvolvido unha importante e intensa actividade “totalmente altruísta, no eido do estudio, investigación e promoción do fenómeno Xacobeo e dos valores e principios forxados no camiñar a Santiago, hoxe presentes na civilización occidental”, logrando por todo iso importantes recoñecementos tanto no eido nacional como internacional. Xesús Palmou mostrou o compromiso da Academia a proseguir con ese labor no curso que hoxe comeza participando de novo en foros internacionais, facendo e impulsando publicacións e levando a cabo “por primeira vez, un importante programa de investigación en colaboración con outras entidades relacionadas co Camiño e co fenómeno xacobeo en xeral”. O presidente da Academia lembrou ademais que no 2022 o Parlamento Europeo pediu á Comisión Europea a posta en marcha de diversas medidas para reforzar os itinerarios culturais europeos, promover o Camiño no marco do programa Erasmus ou compatibilizar a defensa do patrimonio cultural co aproveitamento turístico e a calidade de vida dos cidadáns, e explicou que “desde a Academia Xacobea seguiremos camiñando, neste novo curso pola ruta da defensa e promoción dos dereitos e valores universais, como a liberdade, a igualdade, a concordia, a fraternidade e a solidariedade, presentes na cultura común da Unión Europea, pero que deben ser defendidos por todos, repito unha vez mais, mais alá de fronteiras territoriais, ideolóxicas e relixiosas, pola súa condición de Patrimonio da Humanidade como o Camiño de Santiago, e garantía de convivencia entre os pobos do mundo”. Con respeto ao novo Académico de Honra, Xesús Palmou agradeceu ao arcebispo de Santiago ter aceptado a invitación a unirse á institución e cualificouno como “novo faro especial que alumeará o noso Camiño”.

Francisco José Prieto Fernández foi tamén cualificado por Isidro García Tato na súa laudatio como “traballador, bo pastor, aberto sempre ao diálogo”, así como de posuidor dunha “inxente actividade académica, docente e pastoral”. Ademais de repasar a súa traxectoria vital e eclesiástica ata chegar ao nomeamento como arcebispo compostelán o ano pasado, Tato subliñou de Prieto Fernández a súa “ampla e contundente bagaxe académico-teolóxica“ e o traballo que ten desenvolvido no eido da teoloxía positiva patrística ata se converter “nun dos seus máis destacados representantes en España”.

Tamén tiveron palabras de felicitación tanto para Francisco José Prieto Fernández pola súa nova condición de Académico de Honra coma para a propia Academia pola incorporación dun novo membro ilustre o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o reitor da USC, Antonio López, e a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín. O conselleiro e a alcaldesa coincidiron na importancia simbólica que ten o ingreso na Academia Xacobea do arcebispo de Santiago polo seu papel como máxima autoridade eclesiástica da cidade que é meta do Camiño de Santiago. “Non tería sentido que o gardián principal da tumba do Apóstolo non formase parte desta venerable institución”, apuntou Goretti Sanmartín, quen destacou tamén o talante conciliador, a capacidade de diálogo, e a preocupación polo ben común de Francisco José Prieto Fernández, do que augurou que “desde a Academia continuará sendo un defensor dunha compostela acolledora”. O conselleiro de Cultura destacou tamén a gran humanidade e a relevancia intelectual do novo académico, e a importancia que supón a súa incorporación á Academia Xacobea. “Hoxe non é unha sesión máis da Academia, é un luxo porque hoxe dá entrada ao arcebispo de Santiago, punto final dunha das rutas de peregrinación cristiás máis importantes, senón a que máis, do mundo”, engadiu Román Rodríguez antes de felicitar tamén á Academia polo traballo que desenvolve e animar aos seus responsables a seguir dando pasos para facer máis grande o Camiño.

O arcebispo comenzou o seu discurso agradecendo a “honra de ser nomeado Académico” e dedicou a súa intervención a destacar a importancia do camiñar, da viaxe, como elemento clave da condición humana e a reivindicar o termo peregrinación como a palabra que mellor define a existencia humana, do home entendido como Homo Viator. “O home está sempre en camiño e só cando está en camiño é plenamente home” explicou facendo mención tamén á cita apócrifa de Ortega e Gaset sobre o Quixote de que “o camiño é sempre mellor que a pousada”. E desde esa óptica, reivindicou tamén o valor do Camiño de Santiago e a importancia de preservar a súa esencia e identidade.

A Académica de Número e Catedrática de Filosofía do Dereito da USC Milagros Otero centrou a súa lección inaugural do curso no papel do Apóstolo como avogado. A que fora tamén Valedora do Pobo referiuse ás motivacións diversas que impulsan cada ano a milleiros de persoas a percorrer o Camiño de Santiago facendo fronte ao cansazo ou a soidade, e destacou que moitos deles fano precisamente para pedir a Santiago que sexa “o seu avogado ante Deus Pai no xuizo final”.

Tamén interveu na sesión desta tarde o secretario xeral da Academia, Ulises Bértolo, para dar lectura á memoria das actividades desenvolvidas durante o 2023 e entre as que destacou a celebración das Xornadas Mar por Medio o pasado mes de decembro en Ribadeo, a convocatoria do Segundo Premio de Ensaio Camiño de Santiago, as sesións de incorporación de novos académicos ou a participación, entre outras actividades nacionais e internacionais, do presidente da Academia, Xesús Palmou, no Congreso Mundial do Dereito celebrado en xullo do ano pasado en Nova York.

 

Fonte: http://academiaxacobea.gal