Carta Pastoral en el Día de la Vida Consagrada. Febrero 2022

“Mira, fago novas todas as cosas” (Ap 21,5)

Queridos Membros da Vida Consagrada:

Neste ano Santo Compostelán éme grato tamén camiñar convosco nesta Igrexa compostelá. Facilmente nestas circunstancias que nos tocan vivir deixámonos levar pola visión estatística que trata de ofrecernos uns apuntamentos da realidade, constatando a diminución de vocacións e a elevada idade dos membros das distintas comunidades. Certamente son observacións ás que a nosa inquietude non é allea. Pero non debedes quedar nesa visión humana que pode levarvos a un discernimento non preciso da realidade da Vida Consagrada. Sen ocultar a realidade preocupante nesta etapa, é momento de transformar con creatividade o compromiso vocacional preguntándovos que vos di o Señor do tempo e da historia, o Alfa e o Omega, a quen peregrina nesta tribulación?[1] Tamén como ao evanxelista san Xoán respóndesevos hoxe: “Non temas; eu son o Primeiro e o Último, o Vivente; estiven morto, pero xa ves: vivo polos séculos dos séculos e teño as chaves da morte e do abismo” (Ap 1,17-18). “Mira, fago novas todas as cousas… Estas palabras son fieis e verdadeiras” (Ap 21,5). É necesario avivar o amor primeiro (cf. Ap 2) neste camiño de volta que como os discípulos de Emaús haberá que realizar, recuperando “o valor da palabra que un día cada membro da Vida Consagrada regalou como resposta ao Señor da   vocación”. Estou seguro que como María gardades moitas cousas no voso corazón e experimentades que onde falla a percepción dos sentidos e da linguaxe, aparece o silencio que posibilita o encontro con Cristo, centro da existencia, e que se transforma en creatividade e liberdade, claves para seguir interpretando a sinfonía das vosas vidas, tan necesarias no peregrinar da Igrexa. Sentir o silencio, por paradoxal que pareza, é poñerse á escoita. Tamén nós escoitámosvos, valoramos e queremos, sentíndonos próximos nesta xeración de procesos que estades a realizar para responder ao que o Espírito vos pide neste momento eclesial.
A Vida Consagrada en espírito sinodal
O lema da Xornada de Vida Consagrada neste ano é: “Camiñando xuntos”. Di un proverbio africano: “Se queres ir de présa, vaite só; se queres chegar lonxe, vaite acompañado”. Neste espírito sinodal subliñado polo Papa Francisco, camiñamos xuntos convosco desde a vosa consagración, compartindo a escoita, a comuñón e a misión. Nesta sintonía tres pasaxes do Evanxeo pódennos servir como indicadores no noso camiñar xuntos: A pasaxe dos discípulos discutindo quen é o máis importante e enfadándose porque a Nai de Santiago e Xoán pediu ao Señor un posto de honra para eles (cf. Mt 20,20-28). O dos discípulos de Emaús no que vemos que Xesús (cf. Lc 24,13-35) se fai ao seu camiño cando ían á súa aldea, acompáñaos, explícalles as escrituras e eles convídano a cear. A pasaxe en que Pedro anima os demais apóstolos para saír a pescar con el e despois dunha noite laboriosa volven coas redes baleiras. É posible que algún desgustado manifestase que non merecera a pena saír a pescar, sinalando culpables e pedindo responsabilidades. Xesús resucitado sae ao seu encontro e indícalles onde hai que botar as redes que agora volven á beira repletas de peces (cf. Xn 21). Talvez nos suceda hoxe o mesmo noutra orde de situacións, pero esta actitude está lonxe da comuñón, participación e misión que conleva o espírito sinodal, todos implicados conforme ao carisma recibido. Trátase de percorrer xuntos o camiño, abrazando a nosa diversidade. Somos pedras vivas na construción do corpo de Cristo e fermento na masa no medio da humanidade, cultivando un diálogo sincero e obxectivo, e facéndoo con claridade, mansedume, confianza e prudencia.  “As persoas consagradas son testemuñas do reino no medio do mundo. Desta maneira, soñando xuntos, rezando xuntos e participando xuntos contribúen decisivamente para que a Iglesia sinodal non sexa un espellismo, senón un verdadeiro soño que poida facerse realidade”[2]. Chámasenos a ler os signos dos nosos tempos, tratando de responder as preguntas que nos fan, sen renunciar ao esencial da nosa identidade. Como María habemos de escoitar, discernir e actuar, buscando e deixándose buscar. Xesús camiña connosco. Camiño, discernimento e decisión son realidades propias dun camiñar xuntos, non conformándonos simplemente con pintar a fachada.
Sentir diocesano coa Vida Consagrada
A Igrexa que peregrina en Santiago de Compostela acompáñavos, queridos membros de Vida Consagrada, coa estima, o afecto e a oración dando grazas a Deus por este don inapreciable e pedindo que o Señor vos conceda a forza necesaria co seu Espírito para realizar a misión que se vos encomendou. Ultreia e Esuseia! Como peregrinos miremos cara arriba e camiñemos cara a adiante. Ao agradecervos todo o que sodes e estades a facer na nosa igrexa diocesana, saúdavos con todo afecto, lembrando especialmente aos Membros enfermos das vosas comunidades, e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

 

[1] Cf. Capítulos 2 y 3, 21 y 22 do Libro da Apocalipse.

[2] Presentación da Comisión Episcopal para a Vida Consagrada, 2022.