D. Julián Barrio encabeza la Delegación de los obispos de la Provincia eclesiástica de Santiago en la Visita ad limina

  • Os bispos españois forono convocados á visita ad limina Apostolorum esta semana de decembro e durante o mes de xaneiro.
  • O Sr. arcebispo D. Julián Barrio encabeza a Delegación dos bispos da Provincia eclesiástica de Santiago que xunto coas de Oviedo, Burgos, Pamplona e Tudela e Zaragoza serán recibidos polo Papa Francisco do 13 ao 18 de decembro.

 

Orixes da visita ad limina

As orixes históricos da Visita “ad limina Apostolorum” (expresión que significa “aos umbrais – das basílicas – dos Apóstolos, san Pedro e san Paulo), datan do século IV aínda que foi o Papa Sixto V en 1585 quen a institucionalizou e dispuxo de modo máis sistemático.

Na actualidade, a Visita ad limina defínese e precísase nos canons 399 e 400 do Código de Dereito Canónico; segundo esta lexislación da Igrexa, os Bispos diocesanos deben realizar esta visita cada cinco anos.

Obxectivos da visita ad limina Apostolorum

Segundo o Directorio para o Ministerio Pastoral dos Bispos, Apostolorum Successores o Bispo diocesano realiza cada cinco anos esta antiga tradición, “para honrar os sepulcros dos santos Apóstolos Pedro e Paulo, e atoparse co sucesor de Pedro, o Bispo de Roma”. Con relación ao Bispo, esta Visita “acrecenta o seu sentido de responsabilidade como sucesor dos Apóstolos” e “fortalece a súa comuñón co sucesor de Pedro”. Ademais, constitúe un “momento importante para a vida da Igrexa particular, a cal, por medio do seu representante, consolida os vínculos de fe, de comuñón e de disciplina que a unen á Igrexa de Roma e ao enteiro corpo eclesial”.

Tres son, pois, os actos fundamentais da visita:

En primeiro lugar, unha peregrinación ás tumbas dos apóstolos Pedro e Paulo como expresión de comuñón eclesial. O seu significado é o de visibilizar a unidade e a comuñón dos Bispos, sucesores dos Apóstolos, co sucesor de san Pedro e das Igrexas locais coa Igrexa primada de Roma.

Como afirma Pastores Gregis 57 a posición eminente de Pedro no Colexio Apostólico e a dos seus sucesores no Colexio Episcopal fan que cada unha da Igrexas particulares “concorde coa Igrexa de Roma, pois esta e non outra é a garantía última da integridade da tradición transmitida polos Apóstolos”.

En segundo, lugar a presentación ao Papa dunha “relación quinquenal” de cada diocese. Trátase de informar sobre a situación da Igrexa na diocese que cada bispo ten encomendada. E é que, cada bispo enviou xa hai tempo a Roma un informe sobre o estado da diocese desde a última visita ad limina, que para os bispos das diocese con sé en Galicia foi en marzo de 2014.

E, finalmente, un encontro persoal co Papa, como sucesor de san Pedro. Durante o cal os bispos dispoñen dun tempo para dialogar co papa e suscitarlle as súas inquietudes e expoñerlle os seus proxectos. Deste xeito, as visitas ad limina son unha ocasión privilexiada de comuñón pastoral e achegan un enriquecemento de experiencias no ministerio do Papa.

Nesta ocasión a audiencia co Santo Padre terá lugar o xoves, 16 de decembro, ás 10.30 horas.

Programa da visita

Ademais de peregrinar ás tumbas de san Pedro e san Paulo, os bispos tamén visitarán algúns dicasterios como a Congregación para o Culto Divino e a Disciplina dos sacramentos, a Congregación para a Educación católica, a Congregación para os Bispos, o Pontificio Consello para a Cultura, o Dicasterio para os Laicos, a Familia e a Vida, a Congregación para o Clero, a Congregación para os Institutos de Vida consagrada e Sociedades de Vida Apostólica, a Congregación para a Doutrina da Fe, o Pontificio Consello para o Diálogo interreligioso, o Pontificio Consello para a Promoción da Nova evanxelización, o Dicasterio para a Comunicación, o Dicasterio para o Servizo do Desenvolvemento Humano Integral e a Secretaría de Estado, entre outros organismos vaticanos.

Estes encontros son organizados pola Congregación para os Bispos, en coordinación coa Conferencia Episcopal Española e as Provincias eclesiásticas.

O 13 de decembro celébrase a eucaristía na Basílica Pontificia de san Pedro, o 14 de decembro na Basílica Pontificia de san Xoán de Letrán, o 15 de decembro na Basílica Pontificia de Santa María a Maior e o 17 de decembro na Basílica Pontificia de san Paulo extramuros.