A Fundación Catedral de Santiago recibe o «Premio Patrimonio» do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España

Esta tarde, a Catedral de Santiago acolleu o acto de entrega do “Premio Patrimonio”, que concede o Grupo Cidades Patrimonio de España, á Fundación Catedral de Santiago, polo recente proceso de restauración do conxunto catedralicio. Antonio Rodríguez Osuna, presidente do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España e alcalde de Mérida, fixo entrega do galardón a monseñor Julián Barrio, arzobispo de Santiago e presidente da Fundación Catedral.

Na súa intervención, Monseñor Barrio mostrou o seu agradecemento polo recoñecemento, á vez que sinalou a satisfacción que supón o ver recoñecido o traballo realizado desde a Fundación. Sinalou que, ante todo, «trátase dun recoñecemento á cooperación, derivada da coordinación, planificación e xestión realizadas pola Fundación Catedral, xunto con outras administracións públicas e entidades privadas».

Ademais, recordou que todo o proceso de rehabilitación demostrou que “restaurar a catedral vai máis aló de corrixir patologías; é un traballo que ten en consideración o propio devir histórico da humanidade, máis aínda tratándose dun centro de peregrinación mundial”. Tras realizar un repaso polas diferentes actuacións e traballos levados a cabo durante os últimos dez anos, recordou a importancia de seguir adiante con novas intervencións e, especialmente, co desenvolvemento de plans de conservación preventiva. Para rematar, animou a recordar a beleza como imaxe do divino, ao servizo do sentido trascendente que impregna toda a peregrinación jacobea.

O acto contou, ademais, coa intervención do Alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.