A Igrexa Diocesana de Santiago de Compostela destina 5,9 millóns de euros a acciónes pastorais e asistenciais

  • O arcebispo, monseñor Julián Barrio, presidiu o Consello de Asuntos Económicos da Diocese de Santiago de Compostela.
  • A execución presupuestaria ascende a 19,9 millóns para o presente ano.

Na mañá do mércores 26 de xaneiro, o arcebispo mons. Julián Barrio, acompañado do bispo auxiliar mons. Francisco Prieto, presidiu o Consello de Asuntos Económicos da Diocese. Un organismo diocesano que está formado por sacerdotes e laicos cualificados, expertos en materia económica e en dereito civil, e de probada integridade. Compete a este Consello (segundo indica o c 493 do CIC) elaborar cada ano o orzamento de ingresos e gastos para todo o réxime da diocese no ano entrante, así como aprobar as contas de ingresos e gastos a fin de ano.

Nun exercicio de transparencia, a Igrexa Diocesana en Santiago de Compostela fixo públicas as súas contas, nun escenario que o ecónomo diocesano, Fernando Barros, considera un resultado bastante positivo: “Un orzamento, o de 2022, que se mantén en cifras similares ao orzamento aprobado inicialmente para 2021 supoñendo unha variación do 3,91 % sobre o total xeral”.

O máis significativo do balance económico é o incremento do 20,74 % dos gastos ordinarios, destacando un incremento do 26,00 % das accións pastorais e asistenciais, destinando un total 5,9 millóns de euros. Inclúense neste apartado a acción pastoral, a catequese, a liturxia, a actuación social e caritativa, as achegas para as misións ou para Mans Unidas, Cáritas ou as Cociñas Económicas.

Destacar tamén o orzamento de 4,4 millóns de euros, un incremento do 37,23 %, na conservación de edificios e gastos de funcionamento.

A retribución do clero alcanza unha cifra de 5,4 millóns. Nos gastos extraordinarios destaca a contía dedicada a Centros de Formación -principalmente por unha maior achega ao Seminario Maior para o financiamento de obras vinculadas ao mesmo por convenio coa Xunta para a execución do Plan Director-.

No informe sobre execución orzamentaria póñense de manifesto as achegas dos fieis -6,4 millóns de euros-, cun incremento do 44,02 %, e 6,4 millóns pola asignación tributaria (marcar a X na casa da Igrexa na declaración da renda).

Por último, destacar o incremento do 61,86 % en Ingresos de Patrimonio e outras actividades- un total de 2,2, millóns de euros-, sendo o máis significativo o incremento do 485,37 % en actividades económicas pola previsible recuperación da actividade en 2022.

A análise do 2021 e a organización de novos eventos para 2022 no tocante ao Ano Santo Compostelán, foron temas que estiveron sobre a mesa, ademais da valoración sumamente satisfactoria do Portal de Transparencia (www.archicompostela.es/portal-de-transparencia).