Aberta a matrícula para un novo curso do ISCCR

  • Estas xornadas celébranse por noveno ano consecutivo.
  • Abrirá o curso o bispo de Mondoñedo-Ferrol. Mons. Fernando García Cadiñanos.
  • O curso poderá seguirse en liña ou de modo presencial na aula magna do ITC.
  • O ISCCR ofrece a posibilidad de realizar unha “matrícula solidaria” que se destinará ao mantemento da infraestructura telemática do centro.

O Instituto Superior Compostelán de Ciencias Relixiosas organiza, un ano máis, o seu xa tradicional Curso de Actualización Teolóxico-Pastoral. Nesta ocasión baixo o título xenérico: “A Igrexa en camiño co home entre as luces e sobras do mundo actual”.

Este curso, que chega á súa novena edición, ten como fin abordar algúns dos temas de máis actualidade e que constitúen auténticos retos para a reflexión teolóxica e para a pastoral da Igrexa.

O bispo de Mondoñedo-Ferrol, mons. Fernando García Cadiñanos, será o encargado de inaugurar as xornadas, o mércores 2 de novembro. Disertará sobre “Construír a paz desde a amizade social” á luz da Doutrina Social da Igrexa e coa vista posta na guerra en Ucraína e as súas dramáticas consecuencias.

O curso continuará o mércores 9 de novembro coa conferencia: “Esperanza: elemento fundamental dun ser humano vulnerable” a cargo do sacerdote xesuíta D. Alberto Domínguez Munáiz, diplomado en Psicoloxía Pastoral e experto en Dirección Espiritual, que incidirá na necesidade que ten o ser humano da esperanza para dar sentido á súa existencia.

O mércores 16 de novembro, o relator será o profesor de moral do ITC e do ISCCR D. Carlos Miramontes Seijas. A súa conferencia leva por título “John Main, camiño cara á creaturalidade”. Nela analizará a obra do monxe benedictino inglés falecido en 1982 e considerado como un dos mestres espirituais máis influentes do noso tempo.

Pechará o curso o mércores 23 de novembro o profesor de bioética e de Didáctica do Ensino Relixioso do ITC e do ISCCR D. Álvaro Lorenzo Rey coa conferencia “Abrir os ollos á realidade do suicidio: o primeiro paso”, onde analizará as causas deste fenómeno con especial incidencia na relación entre bullyng escolar e suicidio.

O curso diríxese, dun modo especial, aos alumnos do Instituto Superior Compostelán de Ciencias Relixiosas, seminaristas, alumnos da Escola de Teoloxía para Seglares e profesores de relixión de todos os niveis.

Está tamén aberto aos catequistas e demais axentes de pastoral e a todos os cristiáns e persoas interesadas en afondar nestes temas de actualidade.

As conferencias desenvolveranse de 19 a 20:30 horas.

O evento poderá seguirse presencialmente, no salón de actos do Instituto Teolóxico compostelán (Praza. Inmaculada n. 5 – Santiago de Compostelán). Tamén se poden seguir as charlas en directo desde: https://link.itcdesantiago.org/catp

A matrícula realizarase na dirección:

https://link.itcdesantiago.org/matriculacion-catp

Como sempre, a asistencia a estas Xornadas é gratuíta. Pero o Instituto Superior Compostelán de Ciencias Relixiosas ofrece a posibilidade dunha “matrícula solidaria” de 3 euros para colaborar ao mantemento dos equipos informáticos e a infraestrutura precisa para realizar as emisións en liña en directo.