Campaña de Persoas sen Fogar promovida por Cáritas

  • “Perdidos nun sistema de protección social que non protexe”, lema deste ano.
  • O día 31 celébrase a xornada central dunha iniciativa iniciada hai 29 anos

A Xornada central da Campaña das Persoas sen Fogar promovida por Cáritas e que este ano ten como lema xeral: “Sen Saída? Perdidos nun sistema de protección social que non protexe”, está prevista para o vindeiro domingo 31 de outubro. A iniciativa solidaria preséntanos unha persoa que vai entrar  nun labirinto, constatando que este tipo de persoas están perdidas nun Sistema de Protección Social que non protexe. Ao longo da presente semana planificáronse numerosos actos reivindicativos a nivel diocesano para “motivar a nosa sensibilidade ante o que consideramos situación alarmante e que cada vez afecta a máis persoas que se ven abocadas ao senfogarismo”.

Reivindicacións

Cáritas e o colectivo de entidades que traballan no terceiro sector e no campo do social de axuda ás persoas vulnerables que viven na rúa, cumpre o seu 29 aniversario. Nesta ocasión como reivindicacións fundamentais hai que destacar catro: dereitos humanos; políticas públicas de protección; que os medios de comunicación sexan sensibles a estes temas, e avanzar nunha sociedade dos coidados, “para deste xeito sentirnos responsables e solidarios uns dos outros”

Varón entre 45 e 60 años

As persoas que dormen na rúa ou en lugares insalubres adoitan ser varóns en idades comprendidas entre os 45 e 60 anos, e é o que máis acode, con moita diferenza, aos centros nos que Cáritas lles presta atención. Hai que facer fincapé en que aumentan as atencións que se levan a cabo con mulleres. “É un tema complexo e que ten moitas arestas”, sinalan responsables do programa diocesano de atención a persoas sen fogar. En canto ás cifras é moi difícil cuantificar as persoas que están afectadas. Os datos de que se dispón a nivel da diocese de Santiago sinalan que da orde dunhas 2.000 persoas son atendidas en relación a temas de sen fogar ou con fogares moi deficientes. Unha cantidade que se pode chegar a dobrar a nivel de Galicia. O máis recente que se coñece sobre este tema é o estudo, promovido pola Xunta, sobre a situación das persoas sen fogar na nosa comunidade autónoma que constitúe o resultado do traballo realizado para coñecer máis directamente o senfogarismo na comunidade autónoma.

Igualdade

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio nunha Carta Pastoral indica que a Campaña persegue “mover conciencias, deixar sobre a mesa das reivindicacións que as persoas sen fogar precisan do noso apoio, de forma particular, e en xeral das institucións e administracións que teñen competencias para solucionar este grave problema que mantén a diario a miles de persoas durmindo na rúa ou en lugares insalubres”

O prelado menciona que é necesario avanzar cara á unha sociedade “onde vivamos con plena universalidade e igualdade en dereitos e para conseguilo necesitamos traballar para responder a distintos retos”.

O impacto social

No documento feito público sinálase que logo de tantos meses da aparición do COVID19, “non podiamos obviar o gran impacto social e sanitario que supuxo, en especial nas vidas das persoas máis vulnerables e excluídas, as persoas en situación de sen fogar”. Os factores de exclusión social e residencial previos á pandemia, “lonxe de corrixirse, multiplicáronse, e encárnanse con maior intensidade na vida das persoas máis vulnerables, as que carecen dun fogar onde poder refuxiarse, coidarse e recuperarse”.

Por estes motivos na Campaña faise fincapé no termo Basta! “Querémolo dicir de xeito conxunto”, sinalan nun manifesto, “desde a indignación que nos produce o que haxa miles de persoas e familias sen fogar, cos seus dereitos vulnerados, sen que exista unha aposta rotunda por parte da sociedade e das políticas públicas por modificar ditas situacións, pero tamén desde a esperanza e a convicción de que Ninguén Sen Fogar é posible”.

Finalmente insístese en que “é necesario avanzar cara a unha sociedad onde vivamos con plena universalidade e igualdade en dereitos”.