Candidatos ao diaconado e ao sacerdocio

O arcebispo, monseñor Julián Barrio, presidirá este próximo domingo día 3 de xullo as ordenacións como diáconos de Ernesto Gómez Juanatey e de Mateo Augado Domínguez, e como sacerdotes de Mario Agustín Pérez Moya e Martín Anani Konassi Kouman.
A cerimonia terá lugar a partir das 17:00 horas na Catedral de Santiago de Compostela. A comunidade do Seminario Maior, reitor e formadores, convida a cuantos queiran acompañar a estes seminaristas que serán ordenados diáconos a participar na devandita cerimonia.

Candidatos ao diaconado:

Chámome Mateo Augado Domínguez, nacín no 1998 aquí en Santiago, e son o cuarto de cinco irmáns dunha familia católica que foi un agasallo para a miña fe. Como adolescente un sacerdote expúxome a pregunta da vocación sacerdotal, e despois de dous anos de discernimento na dirección espiritual e a oración decidín dar o paso ao Seminario Maior, cando acabei os meus estudos de bacharelato. Ademais do Seminario puiden crecer na miña vocación nos distintos destinos pastorais aos que fun enviado, Arzúa coa comunidade guanelliana, Noalla con don José Taibo, a parroquia de Sar con don José Porto, e esta última etapa dos meus estudos traballando na pastoral Xuvenil con don Javier García.
Chámome Ernesto Gómez Juanatey. Nacín en Vilagarcía de Arousa o 6 de setembro de 1998. Bautizado na parroquia de Santa Eulalia de Arealonga, nela recibín a formación para a Primeira Comuñón e Confirmación, desempeñándome despois como catequista. Estudei no Colexio San Francisco da mesma cidade, cursando daquela os dous anos do Bacharelato no Seminario Menor da Asunción en Santiago de Compostela. Terminado este ciclo, entrei no Seminario Maior de Santiago, completando os estudos eclesiásticos no curso 2020-2021. Como seminarista, estiven colaborando nas parroquias de San Xosé de Pontevedra, Muros de San Pedro e Santo Estevo de Noalla, e tamén na delegación pastoral de infancia e mocidade da Arquidiocese.

Candidatos al sacerdocio:

Chámome Martín Anani Konassi Kouman. Son natural de Costa do Marfil e teño 45 anos. Contactei cun sacerdote da nosa diocese e hai 5 anos cheguei a Santiago de Compostela para facer unha experiencia vocacional ingresando no Seminario Maior. Durante os meus anos de estudos fun destinado pastoralmente a Touro, Padrón, San Xosé Pontevedra e Cambados. Neste último lugar vin exercendo o ministerio de diácono durante o curso que termina.
Chámome Mario Agustín Pérez Moya. Nacín en Alacante hai 45 anos no seo dunha familia traballadora e sacrificada. Teño 2 irmáns. Estudei no Seminario Menor de Orihuela (Alacante) e Teoloxía en Comillas (Madrid). Aquí coñecín un sacerdote da Diocese compostelá, o que supoñería un empuxón para desempeñar a miña vocación sacerdotal nestas terras. Pero antes de entrar no Seminario Maior de Santiago, tiven unha experiencia misioneira en Zambia e fun profesor de Relixión. Neste último ano fun secretario do bispo auxiliar, mons. Francisco Prieto.