Cáritas inaugura unha nova vivenda para maiores en O Burgo

  • Monseñor Prieto: Toda persoa ten dereito a vivir baixo un teito”

A iniciativa enmárcase no programa “Acompáñote”

O arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, presidiu o acto inaugural  e procedeu a  bendicir  a terceira das vivendas destinada a maiores que puxo en funcionamento  Caritas Diocesana de Santiago-Interparroquial da Coruña .Nesta ocasión trátase  da vivenda de Santiago do Burgo, grazas á doazón  feita pola Construtora Benéfica Sagrada Familia.

Dispoñer dun fogar

Nas súas primeiras palabras o prelado lembrou que asistiamos a un acto que procede desde a xenerosidade, a solidariedade e a fraternidade porque “toda persoa ten dereito a vivir baixo un teito”. Falou da importancia de ter unhas instalacións destas  características para que “gozar dunha tranquilidade e a mellor das convivencias para que deste xeito poidades seguir facendo proxectos e realidades”.

Monseñor Prieto  sinalou a importancia de dispoñer dunha casa, dunha vivenda “que se transforma nun fogar”, mencionando que en proxectos como este  sempre estará presente a Igrexa e Cáritas para “acoller as persoas que nos demandan axuda”. Agradeceu a todo o  mundo que fixo posible poñer en marcha esta vivenda  “que brota do esforzo e do traballo diario que levades a cabo para axudar aos máis  necesitados”. As novas instalacións contan con 7 prazas e todas as comodidades e accesibilidade para ser o fogar de quen o precise.

Ao acto asistiron  representantes das Cáritas diocesana, interparroquial  e parroquial,  e da empresa que  cedeu a  vivenda e se encargou da súa preparación  e posta en funcionamento.

Programa para maiores

Caritas Diocesana de Santiago-Interparroquial da Coruña,  desde hai seis anos  leva a cabo un programa de Atención a Persoas maiores en situación de soidade ou vulnerabilidade denominado «Acompañote”. O programa axudou  a máis de 600 persoas, tendo mensualmente en activo a máis de 300 maiores na cidade que necesitan un apoio no seu día a día, xa sexa para acompañamento a citas médicas, visitas, paseos, solución de trámites administrativos, préstamos gratuítos de produtos de apoio, ou simplemente pola necesidade dunha voz amiga que os/as chame, comente e se interese por eles/as telefonicamente todas as semanas.

A este programa hai que sumar a incorporación de tres vivendas de acollida destinadas a persoas maiores, autónomas, que polos seus ingresos, situación socio familiar ou vulnerabilidade, non poden facer fronte a un alugueiro ou non teñen familia que os poida acoller. Con este novo piso, Caritas Interparroquial da Coruña dispón de 23 prazas para persoas maiores autónomas en situación de necesidade.