Carta Pastoral: "A credencial do testamento vital"

Queridos diocesanos:

Recoméndovos facer o testamento vital #ante a lei da eutanasia recentemente aprobada. No peregrinar da nosa existencia é necesaria a credencial deste testamento. A Iglesia defende a vida desde a súa concepción ata a morte natural, insistindo no respecto debido e na atención especial daquelas persoas debilitadas. “A vida é un valor sacro e intanxible”. Estamos chamados a acollela, protexela e acompañala en todas as súas etapas, e en calquera das súas circunstancias. Así poderemos ofrecer á nosa sociedade signos de esperanza “traballando para que aumenten a xustiza e a solidariedade, e afiáncese unha nova cultura da vida humana para a edificación dunha auténtica civilización da verdade e do amor”, como indicaba San Xoán Paulo II.

Hai que amar, respectar e protexer sempre a dignidade dos enfermos incurables ou agonizantes, xa sexan nenos, novos, adultos ou anciáns. “Unha acción ou unha omisión que, de seu ou na intención, provoca a morte para suprimir a dor, constitúe un homicidio gravemente contrario á dignidade da persoa humana e ao respecto do Deus vivo e creador. O erro de xuízo no que se pode caer de boa fe non cambia a natureza deste acto homicida, que se ha de rexeitar e excluír sempre”, segundo o Catecismo da Igrexa católica.

Non podemos quedar impasibles #ante unha cultura que frivoliza a realidade da vida. No sufrimento insoportable a solución non é a eutanasia senón a atención humana, espiritual e médica. Os coidados paliativos que non curan pero coidan, teñen esta finalidade. Trátase de poñer os medios necesarios para aliviar o sufrimento e suprimir a dor e non ao paciente. A eutanasia non é a solución. “A verdadeira compaixón fai solidarios coa dor dos demais e non elimina á persoa cuxo sufrimento non se pode soportar”. Sementar esperanza verdadeira, aliviar a soidade cunha compañía afectiva e efectiva, facerse cargo do enfermo: nisto consiste a verdadeira compaixón.

Co papa Francisco afirmamos: “A eutanasia e o suicidio asistido son unha derrota para todos. A resposta á que estamos chamados é non abandonar nunca aos que sofren, non renderse nunca, senón coidar e amar para dar esperanza”. O soño que vale a pena, constrúese acompañando, asistindo, protexendo, animando e sacrificándose polos demais. Por aquí comeza a verdadeira cultura da vida na que todos caben, onde todos son valiosos.

Saúdavos e bendí no Señor.

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela