Carta Pastoral de mons. Barrio na Campaña de “Mans Unidas”

A desigualdade converteuse na maior ameaza e o maior desafío a nivel mundial. Para moitas persoas, pensar en desigualdade e en fame é pensar nun reto imposible, un problema sen solución ante o que non se pode facer nada.

Contra esa desigualdade trata de loitar ano tras ano Mans Unidas que cada mes de febreiro pon en marcha a súa Campaña de Mans Unidas que se celebra o segundo domingo do mes de febreiro.

O lema elixido para este ano é «Frear a desigualdade está nas túas mans» e quere ser un chamamento á sociedade para loitar pola dignidade e promover un mundo onde todos vallamos o mesmo e ninguén quede atrás.

E como cada ano con motivo desta Campaña o arcebispo de Santiago, D. Julián Barrio, publicou unha Carta Pastoral na que lembra que o número de persoas que pasan fame e viven na pobreza, vai aumentando cada vez máis o que debe golpear a nosa conciencia: “Que sociedade é esta nosa na que tan pouco conta a dignidade da persoa e tantas calidades boas están a perderse? Cada un de nós podería ser esa persoa que ten que resignarse á ferida da desigualdade provocada”.

Mons. Barrio tamén indica que “o lema da campaña deste ano ha de inquietarnos: “Frear a desigualdade está nas túas mans”. É un reto que habemos de asumir. É posible que nos xustifiquemos pensando que pouco podemos facer e que a solución a este problema depende doutras instancias que ostentan o poder. En todo caso isto nunca será escusa para que deixemos de facer o que estea nas nosas mans. Esperar solucionalo todo para actuar, será unha forma de xustificar a nosa inactividade”.

Servir é posibilitar a igualdade. O motivo é sinxelo: “Todo ser humano ten dereito a vivir con dignidade e a desenvolverse integralmente, e ese dereito básico non pode ser negado por ningún país… Cando este principio elemental non queda a salvo, non hai futuro nin para a fraternidade nin para a sobrevivencia da humanidade”

O arcebispo destaca que “os cristiáns e toda persoa de boa vontade atoparán unha orientación ética e moral na Doutrina Social da Igrexa que recolle a mensaxe do Evanxeo. Para superar a sima da desigualdade necesitamos ter como ponte un traballo digno cun salario adecuado que evite o bucle da dependencia”.

É sen dúbida un duro camiño que mons. Barrio anima a percorrer: “Poñámonos ao choio e fagámoslo con esperanza cristiá que “é audaz, sabe mirar máis aló da comodidade persoal… para abrirse a grandes ideais que fan a vida máis bela e digna. Camiñemos en esperanza”

D. Julián termina as súas palabras convidando “a contaxiar a solidariedade para acabar coas desigualdades, favorecendo o ben común. Así se nos lembra que “os máis favorecidos deben renunciar a algúns dos seus dereitos para poñer con maior liberalidade os seus bens ao servizo dos demais”