Carta Pastoral de mons. Francisco Prieto | Xornada Pro Orantibus

Xornada Pro Orantibus
Solemnidade da Santísima Trindade
26 de maio de 2024

 

Contemplando o teu rostro, aprendemos a dicir: Fágase a túa vontade

A cantos na nosa Igrexa profesades a vida contemplativa

 

Moi queridos irmáns e irmás:

Cando a liturxia contempla e proclama o misterio de Dios na solemnidade da Santísima Trindade, a Igrexa dirixe a súa mirada e o seu corazón con gratitude, na Xornada Pro Orantibus, aos que vos consagrastes enteiramente a vivir na intimidade de Deus, nun silencio habitado polo don do seu Espírito. Unha vida na que contemplar é descubrir e amar a verdade, a bondade e a beleza do Deus que se revela a cada pouco na vida cotiá dos vosos claustros.

Unha vida escondida non é unha vida que se oculta ou aparta da realidade, senón aquela na que van da man a contemplación e a obediencia, tal como recolle o lema para a Xornada deste ano 2024: Contemplando o teu rostro, aprendemos a dicir: “Fágase a túa vontade!”. Contemplación e vontade son o mesmo camiño de dobre sentido no que don e tarefa, graza e liberdade se atopan na ofrenda filial e fraterna das vosas vidas.

Misterio de Deus e contemplación

Os fillos da Igrexa, para saber de Deus, para gustar de Deus, para penetrarnos no seu misterio, necesitamos exercitar na contemplación a mirada da fe, necesitamos facernos cuns ollos contemplativos.

A palabra que se proclama na liturxia deste día revela o que Deus é para nós: “O Señor é Deus, arriba no ceo e abaixo na terra, e que non hai outro”; lembra o que nós somos para Deus: “Recibistes un espírito de fillos adoptivos, gracias ao que podemos gritar: «Abba»: Pai!”; e fainos sentir a ledicia do que somos á vista de todos: “o pobo a quen Deus escolleu como herdade”.

Dicimos que a palabra “lembra”, “revela”, “fainos sentir”, pero todas esas expresións quedarán baleiras de sentido se non llo dá a mirada contemplativa, esa mirada que nos permite buscar o rostro de Deus e mergullarnos na súa intimidade, mergullarnos “no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo”. Só así amamos con amor de fillos, gustamos o amor con que somos amados, e permanecemos nese amor que nos sostén.

A mirada contemplativa

A fe é recoñecemento e confesión do que Deus é para nós e do que nós somos para Deus. Iso significa que a fe é necesariamente memoria asombrada, gozosa e agradecida das marabillas de Deus, esas pegadas divinas presentes na historia persoal e comunitaria, tantas veces discretas, sempre sorprendentes.

A historia da salvación, a historia de Dios co seu pobo é a primeira fonte de asombro para a fe. Lendo as páxinas desa historia, o salmista aprende o canto da fe e convida os crentes: “Dean grazas ao Señor pola súa misericordia, polos seus prodixios cos humanos” (Sal 106,8.15.21.31). As marabillas de Dios, recoñecidas, falan da súa misericordia; a misericordia de Deus, experimentada, penétranos na súa intimidade. E alí, desde a intimidade de Deus, brotan naturais o agradecemento e o canto.

Se a mirada da fe, sen apartarse da historia do pobo de Deus, se volve cara á realidade persoal, cara ao mundo interior do crente, ese mundo que só Deus sonda e coñece, tamén aí atoparemos ocasión de asombro, de entrega, de obediencia a Aquel que nos excede coa grandeza dos seus incomparables designios: “Se os quixese contar, son máis do que a area, se chegase ata a fin, quedarías ti aínda” (Sal 138,18).

Contemplando, aprendemos a túa vontade

Contemplando aprendemos a recoñecer a túa grandeza, a contar a túa fidelidade e a túa salvación, a proclamar a túa misericordia e a túa lealdade. Contemplando, aprendemos o que es e o que queres, porque só queres o que es: es amor, dás amor, pides que amemos.

Abríchesnos o oído para que escoitemos, e coa fe déchesnos a luz para que che contemplemos e coñezamos que a túa lei é o amor. Entón, desde o corazón de cada un dos teus fillos, a fe vai dicindo: “Aquí veño para facer a túa vontade, meu Deus, é o que eu quero: a túa lei esta no fondo de min mesmo” (Sal 39,8-9).

Contemplando, aprendemos a amar, aprendemos a ser fillos do noso Pai do ceo, aprendemos a permanecer en Cristo Xesús, aprendemos a movernos ao aire do Espírito de Deus. Contemplando, aprendemos a dicir: Fágase a túa vontade.

Queridas irmás e irmáns contemplativos: Cantas marabillas fixo o Señor o noso Deus!, cantos plans a favor noso! Uns a outros habémonos de axudar para que todos podamos coñecer o Amor do que vimos, o Amor ao que imos, o amor que é a nosa vocación. Nese camiño, precedédesnos, desde a vosa vida animádesnos a todos, coa vosa caridade fortalecédesnos, coa vosa oración acompañádesnos.

Contade co agradecemento e o agarimo desta Igrexa diocesana, que se une á vosa oración a Deus Pai por Xesús Cristo no Espírito. En comuñón de fe e vida, envíovos un cordial saúdo coa miña bendición.

+ Francisco José Prieto Fernández,
Arcebispo de Santiago de Compostela.