Carta pastoral de mons. Julián Barrio con motivo da Xornada Mundial polo Traballo Decente

  • Nunha Carta Pastoral con motivo da xornada que se celebrará o próximo 7 de outubro, monseñor Barrio destaca que traballo decente é o que ofrece posibilidades para que os homes e mulleres poidan desempeñar un traballo produtivo en condicións de liberdade, equidade, seguridade e dignidade humana.
  • O lema “Sen compromiso non hai traballo decente” é unha chamada de atención a impulsar e participar nas accións diocesanas

“Con motivo da Xornada Mundial polo Traballo Decente que se celebra o 7 de outubro lémbrasenos que o traballo humano é unha cuestión primordial na sociedade e esencial para a vida de millóns de persoas. Por iso reivindícase o traballo como dereito e actividade para o coidado das persoas, do ben común e do planeta”. Así comeza a Carta Pastoral que o arcebispo, monseñor Julián Barrio, dirixe ás distintas entidades promotoras desta iniciativa Igrexa polo Traballo Decente, que convidan a participar nos diferentes actos, de forma individual ou colectiva, para manter viva a conciencia da necesidade dun traballo decente.

No Manifesto da Xornada faise fincapé en que hai millóns de persoas traballadoras que seguen sen poder acceder a un traballo decente. Neste sentido, o arcebispo destaca que “as iniciativas que levan a cabo colocan no eixo da denuncia o traballo precario, facendo referencia ás formas de traballo non permanente, temporal, ocasional, inseguro e continxente. Con esta xornada e outras iniciativas que se materializan durante o ano, está a xurdir no mundo un movemento polo traballo decente”.

“Traballo decente é o que ofrece posibilidades para que os homes e mulleres poidan desempeñar un traballo produtivo en condicións de liberdade, equidade, seguridade e dignidade humana, no que os dereitos son protexidos, contando con remuneración axeitada e protección social”, afirma mons. Barrio.

O prelado compostelán lembra o compromiso da Conferencia Episcopal Española, a través da súa Pastoral do Traballo, para facer crecer este camiño sinodal polo traballo decente.

En Santiago de Compostela os actos centrais da Xornada Mundial polo Traballo Decente adiántanse ao día 6 de outubro e vanse a celebrar no adro da igrexa das Ánimas a partir das 18 horas onde se procederá á lectura do Manifesto e posteriormente celebrarase unha Eucaristía.