Carta Pastoral de mons. Julián Barrio no Advento 2022

Nadal: Condescendencia de Deus

Queridos diocesanos:

Iniciamos o tempo litúrxico do Advento durante o cal a Igrexa nos acompaña para prepararnos á celebración do Nadal. A mensaxe do Advento é que Deus está en camiño cara a nós. Chámasenos a vivir este acontecemento espertándonos do noso sono, modorra e indiferenza, e a esperar o Señor coa cintura cinguida e con aceite nas nosas lámpadas a exemplo das virxes prudentes. É preciso romper as nosas burbullas, sempre dispostos a poñernos en camiño para saír ao seu encontro e servir aos demais nunha sociedade ferida espiritual e materialmente. A oración, a caridade e a participación nos sacramentos son os piares desta ponte para que Deus veña a nós e nós vaiamos cara a El, sempre en actitude de vixiante espera.  Só a conciencia de vivir nun Advento constante dá ao home a medida da súa vida ante Deus. Este tempo litúrxico ofrécenos a oportunidade providencial de renovar a nosa fe e a nosa esperanza sabéndonos elixidos en Cristo. Este convencemento axúdanos cada día para superar a nosa indixencia cristiá, conscientes de que o verdadeiro cristián é o crente que vive seria e serenamente a súa vocación á santidade, o seu irrenunciable destino de eternidade, e a súa posibilidade cotiá de conformar a súa vida con Cristo, edificando sobre el e non sobre areas movedizas, nobres en propósitos pero minadas pola desilusión o cansazo e o pesimismo.

Misterio do Nadal

Así habemos de penetrarnos no misterio do Nadal: “Atoparedes a un neno envolto en cueiros e deitado nunha manxadoira” (Lc 2,12). Vemos que entre a gloria máis esplendente de arriba e a pobreza máis extrema de abaixo hai correspondencia,  harmonía e unidade. O Fillo de Deus encarnado descende na pobreza como preludio do que se consumará despois na cruz e na Pascua: a salvación da humanidade. Nadal non é só o nacemento de Deus feito home, debe ser tamén o noso nacemento con El, indicándonos que a vida cristiá é comuñón, participación e misión na Igrexa, esperando ao Señor que vén e cumprindo o mandamento do amor non só cos demais cristiáns senón con todos os homes de boa vontade para que deste xeito a Igrexa, máis aló das súas propias fronteiras, poida brillar coa única mensaxe que pode chegar ao fondo do corazón dos homes e convencelos.

“Veu á súa casa, e os seus non o recibiron” (Xn 1,11). O sentimentalismo do noso Nadal socio-relixioso pode distraernos e facernos esquecer que o Fillo de Deus encarnado “uniuse en certo xeito con cada home. Traballou con mans de home, pensou con intelixencia de home, amou con corazón de home. Nacido da Virxe María fíxose verdadeiramente un dos nosos, semellante en todo a nós, excepto no pecado”[1]. O Deus feito home lémbranos que nada que afecte aos demais nos pode ser alleo. Habemos de saír ao encontro do próximo coa nosa axuda e comprensión, acompañándoo e deixándonos acompañar.

O Nadal é Cristo

A encarnación histórica do Fillo de Deus sorpréndenos,  superando as nosas previsións. O anonimato, a manxadoira como berce, a pobreza duns vulgares cueiros, a condición do fillo do carpinteiro, o fillo real da Virxe María, o desprestixio humano de verse sen fogar na convivencia social: estes aspectos non podemos ignoralos se queremos transformar a realidade en que nos atopamos. Cristo constitúe sempre o reto definitivo da vocación á autenticidade para o home segundo Deus e o fiel cumprimento da vocación á que foi chamado para vivir a filiación e a fraternidade. º“O Pai elixiunos en Cristo antes da fundación do mundo, para que fósemos santos e intachables ante el polo amor. El destinounos por medio de Xesucristo, segundo o beneplácito da súa vontade, a ser os seus fillos para loanza da gloria da súa graza” (Ef 1,4-6).  Certamente só El dá a esperanza para que a vida non se vexa diluída na insignificancia. Pero a esperanza é inseparable do amor fraterno e solidario. “Vivir na caridade é pois un gozoso anuncio para todos, facendo crible o amor de Deus que non abandona a ninguén”. A isto comprométenos o Nadal coa alegría das panxoliñas e sen o abafo dos reclamos consumistas.

Exhortación para o Nadal

Lémbrovos que non debemos amortecer as consecuencias da mensaxe de Xesús sobre os almofadóns dos nosos prexuízos e sentimentalismos. Levemos ás persoas necesitadas material e espiritualmente a Luz que brillou en Belén, ofrecéndolles a nosa axuda. Pola miña banda quero chegar aos vosos fogares e proclamarvos ese gran anuncio de esperanza cristiá: “Gloria a Deus no ceo, e na terra paz aos homes de boa vontade”. Pido ao Neno Deus que bendiga a todas as familias, en especial ás que nestas datas o recordo das persoas queridas se trasluce en tristeza e morriña.

Bo Nadal a todos!

Saúdavos con afecto e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

 

[1] XOÁN PAULO II, Redemptor hominis, 8.