Ao achegarse a Xornada da Vida Consagrada na que renovaredes o voso compromiso como consagrados, únome a vós co meu agradecemento e esta sinxela reflexión que espero vos sirva para a vosa edificación espiritual.
Compromiso co Reino de Deus
Deus séguevos buscando e ten como proxecto seguir comprometéndovos no seu Reino que chegou (Mc 1,16-20) e que foi anunciado por Xesús. El, home libre para facer a vontade do Pai, é o que chama e salva, desposuíndose do seu rango e entregando en plenitude a súa vida por nós. O importante é a súa chamada, o secundario é a nosa resposta. O Señor chamouvos para sempre a estar con el, tal como sodes no medio das vosas dificultades e as vosas limitacións. A resposta comporta querer facer o que El fixo: anunciar o evanxeo e expulsar demos: a increnza, a inxustiza, a cobiza no corazón, as depresións psíquicas… (Lc 5). E todo isto “camiñando en esperanza”, para os demais e cos demais, sabendo que Cristo, hoxe, onte e sempre, é a esperanza que nos garante que o tempo non nos desgasta porque nos axuda a encamiñarnos á eternidade. Calzade sempre as sandalias da esperanza no voso peregrinar como consagrados! Desta maneira o futuro non vos dará medo aínda que haxa que pasar por valgadas escuras porque a bondade e a misericordia do Señor vos acompañan todos os días da vosa vida e habitaredes na casa do Señor por anos sen termo (cf. Sae 23).
Saír da vosa terra
Convídovos a contemplar a vocación de Abrahán (Xénese 12,1 ss): “Sae da túa terra, da túa patria, e da casa de teu pai, cara á terra que che mostrarei”, palabras que estiveron moi presentes na celebración do Ano Santo Compostelán apenas clausurado. Vemos que o seguimento obriga ao descentramento na medida en que Xesús provoca un cambio de mundos como o vemos na chamada a Simón ao que chamará Pedro (Lc 5,1-11). O mundo de Simón era a pesca. Aí produciuse o encontro con Xesús. Un mundo que tiña uns límites: “Temos faenado toda a noite e non recollemos nada”. Xesús diralle: “Rema mar a dentro” e Simón asentirá: “Pola túa palabra, botarei as redes”. E a pesca foi milagrosa. Pedro percibe os seus límites e ten medo ante o porvir. Pero Xesús tranquilízao e envíao. É unha experiencia espiritual pola que todos puidésemos pasar ou esteamos a pasar posiblemente. Fiarnos da palabra do Señor dános sempre confianza de ver cumprido o noso desexo como aconteceu a Simeón, home xusto e piadoso, e á profetisa Ana que non se apartaba do templo, servindo a Deus con xaxúns e oracións noite e día (Lc 2, 25.37).
Chamada e resposta
A chamada do Señor comporta centrarse en Deus e nos demais, esquecéndose dun mesmo. É verdade que polo voso carisma fostes chamados a algo específico que habedes de vivir no universal da vosa chamada, encarnando a fe na continuidade da historia da salvación e pedindo acoller a vontade de Deus e buscar cumprila con humildade. A resposta ha de ser xenerosa e alegre. Sabemos que esta non é fundamentalmente un sacrificio senón unha ofrenda agradecida. Isto é o que vos vai a levar a atoparvos coa vida verdadeira, a única que pode encher de verdade.
Exhortación final
Alégrome convosco e dou grazas a Deus pedindo que El vos manteña fieis no seu santo servizo. A Igrexa que peregrina en Santiago de Compostela acompáñavos, queridos membros de Vida Consagrada, coa estima, o afecto e a oración, consciente deste don inapreciable como é a Vida Consagrada, e pedindo que o Señor vos conceda o vigor necesario e o ánimo decidido co seu Espírito para realizar a misión que vos encomendou. Ao agradecervos todo o que sodes e estades a facer na nosa igrexa diocesana, saúdovos cordialmente, lembrando de maneira especial os Membros enfermos das vosas comunidades e aos que o Señor xa chamou á súa gloria eterna. Bendícevos no Señor,