Carta Pastoral na festa da Virxe do Carme 2021

“Non estades sos; non estades esquecidos”

Queridos diocesanos:

Como todos os anos ao chegar a festividade da Virxe do Carme, patroa e protectora dos homes e mulleres do mar, diríxome a todos vós uníndome cordialmente a esta celebración nas nosas parroquias da costa e tamén do interior, para facervos chegar a miña proximidade e os meus mellores desexos coa miña oración a quen, baixo a protección da nosa Señora, sucades os mares buscando o voso sustento e o das vosas familias, ou sendo unha garantía para a liberdade e seguridade.

O lema escollido para esta Xornada indica a preocupación da Igrexa cara ao colectivo do mar: “Non estades sos, non estades esquecidos”, na situación vivida neste ano tan especial, marcado pola pandemia que trouxo tantas dificultades, e repercutiu con acentos propios nas vosas vidas e no voso traballo. Novos problemas engadíronse aos xa existentes. A Igrexa é sabedora. Así o reflectía na súa mensaxe no día mundial da pesca o Cardeal Turkson cando dicía: “os efectos da pandemia do COVID-19 propagáronse rapidamente por todo o mundo, con consecuencias dramáticas para as economías de moitos países, e un grave impacto en sectores tan vulnerables como o da pesca. O impacto do COVID-19 na industria pesqueira incumbe principalmente ao ámbito das respostas estratéxicas que adoptaron os gobernos fronte á pandemia, como o distanciamento social, o peche de mercados de peixe, a escasa afluencia de clientes a hoteis e restaurantes. Isto supón un grave problema para a venda de peixe fresco e outros produtos pesqueiros, sobre todo no que se refire á diminución da demanda e á caída do prezo do peixe, razón pola cal, na situación actual, a pesca, o procesamento de peixe, o consumo e o comercio diminuíron de maneira constante”[1].

“Non estades sos, non estades esquecidos”: sabedes, pola experiencia da fe, que Deus nunca nos abandona. El, que é Pai, móstrase compasivo no medio das dificultades e fainos chegar, de moitas maneiras diferentes, a calor e a forza do seu amor. Non estades sós, porque en cada singradura, ao contemplar a quietude do mar en calma ou ao afanarvos nos temporais e nos momentos máis intensos de labor, contades tamén coa presenza amorosa da Virxe, a estrela dos mares, que, silandeira, quedamente, deixa caer o seu manto sobre vós, mirándovos con tenrura, protexéndovos e amparándovos.

“Non estades sos; non estades esquecidos”, porque, na vosa vida como membros da Igrexa, sentides a calor da fraternidade que leva a preocuparvos os uns polos outros, a vivir a solidariedade nos vosos problemas e a contribuír á súa solución, como expresión da comuñón de vida na que noso ser cristián nos insere desde o bautismo. A Igrexa é tamén a vosa familia, e, convosco, celebra as vosas alegrías e padece as vosas penas; porque tamén ela, como comunidade, está presente nas vosas vidas.

Particularmente querería subliñar a presenza e o labor dos capeláns e voluntarios do apostolado do mar, facendo miñas as palabras do Papa: “Grazas a vós, as persoas máis vulnerables poden reencontrar a esperanza dun futuro mellor. O voso esforzo pode axudalas a non renderse #ante unha vida precaria e ás veces marcada pola explotación. A vosa presenza nos portos, tanto grandes como pequenos, debería ser en si mesma un recordatorio da paternidade de Deus e do feito de que #ante El todos somos fillos e irmáns; unha referencia ao valor primario da persoa humana antes e por encima de calquera interese e un incentivo para todos, comezando polos máis pobres, a esforzarse pola xustiza e o respecto dos dereitos fundamentais”[2].

Neste ano Santo, encoméndovos á Virxe do Carme e ao Santo Apóstolo Santiago, que compartiu o voso traballo, para que sintades sempre en compaña de Deus e da súa Igrexa: “Santo Apóstolo!, fai que desde aquí fortalézase a esperanza que axuda a superar a preocupación angustiosa polo presente, e o escepticismo que dificulta o exercicio da caridade. É tempo para rezar, amar, saír ao encontro dos demais con obras de misericordia, revitalizando a fraternidade que “permite recoñecer, valorar e amar máis aló da proximidade física”, procurando que as persoas pobres e as máis vulnerables teñan sempre a preferencia”[3]. Teño moi presentes a quen perdeu a súa vida faenando no mar e ás súas familias. Encomendándome tamén á vosa oración, saúdavos con afecto e bendí no Señor.

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

 

[1] Card. P. TURKSON, Mensaxe polo día mundial da pesca, 21- XI-2020.

[2] FRANCISCO, Audiencia cos participantes no encontro de capeláns e voluntarios de Stella Maris- Apostolado do Mar, 27-VI-2019.

[3] J. BARRIO, Homilía na Apertura da Porta Santa, 31 de dic. 2020.