“Naveguemos xuntos”
Queridos diocesanos:
Ao achegarse a data da festa da Virxe do Carmen, desexo, como todos os anos, acompañarvos ofrecéndovos a miña palabra e bendición a todas as xentes que, dunha maneira ou outra, viven a carón do mar, dos que A nosa Señora do Carmen é patroa e protectora.
Quero levar a vós e ás vosas familias a presenza fraternal da Igrexa, á que pertencedes, e que, como comunidade de crentes unidos ao redor de Xesucristo, vive as vosas preocupacións como cousa propia. Aínda hai moi pouco tempo, o pasado día de Pentecoste, o Papa, saudando aos peregrinos que rezaban na praza de San Pedro, dicíalles: “Manifesto a miña proximidade aos pescadores, pensemos naqueles pescadores que, por mor do aumento do custo do carburante, atópanse en risco de deter a súa actividade…” (Regina Coeli 5-Xuño-2022). O Papa, como sucesor de Pedro o pescador de Galilea, lembra as vosas dificultades e problemas, maniféstaas ao mundo, para que se tomen as medidas axeitadas, e lévaas na súa oración á presenza de Deus pedindo que El ilumine as autoridades e a todos os que compete ofrecer solucións para que as vosas condicións de vida sexan as axeitadas.
Ao pensar nos vosos sufrimentos, fago memoria con dor dos falecidos no naufraxio do pesqueiro Villa de Pitanxo. Aínda que xa tiven ocasión de achegarme ás familias e de compartir a Eucaristía convosco, pedindo polos falecidos, naquel momento tan emotivo na parroquia de Marín, reitérovos agora as miñas palabras de consolo e esperanza e ofrézovos a oración e a colaboración da Igrexa no que humildemente estea na nosa man, desexando que se poidan atopar os corpos que aínda non puideron ser rescatados, para que poidades atopar o consolo de ofrecerlles a sepultura e a última homenaxe da vosa fe e o voso amor.
Penso en todos vós, nas vosas familias e nas familias de todos os falecidos por distintos traballos no mar. Na nosa Galicia, desde o comezo do milenio, 138 irmáns nosos perderon a súa vida. Poñémolos nos brazos maternais da Virxe do Carmen, na seguridade de que Ela saberá presentalos ao seu Fillo e enviar aos que quedan neste mundo o consolo e a paz.
O lema deste ano para a xornada das xentes do mar é ben significativo: “Naveguemos xuntos”. A vosa vida está unida á dos demais membros da Iglesia, porque vivimos a nosa pertenza como un misterio de comuñón e de amor. E tamén expresa que as preocupacións da Igrexa deben ser as vosas, dado que, nese sentido, viaxamos todos no mesmo barco. Ao longo deste ano na nosa diocese traballamos preparando o sínodo dos Bispos que se celebrará en Roma no 2023. O Papa quixo que sexan escoitadas todas as voces e que sexan tidas en conta todas as opinións, de modo que vivamos esa “sinodalidade”, camiñando e navegando xuntos, deixándonos atopar polo Señor. Non dubidedes en achegarvos á Igrexa e ofrecerlle as vosas inquietudes e vosa sempre necesaria colaboración. Nesa barca de Pedro na que nos atopamos no navegar desta vida, todas as voces son importantes e todas merecen ser escoitadas. Sentide a Igrexa como a vosa casa, porque o é de verdade. “Pola túa palabra botarei a redes” (Lc 5,5), díxolle Pedro a Xesús despois de faenar durante toda a noite e volver coas redes baleiras. Este ha de ser o voso convencemento para interpretar o voso quefacer laboral que en obediencia ao Señor terá un resultado frutífero, fiándonos á súa graza e ofrecendo o voso esforzo.
Neste día do Carmen, no que en tantas parroquias da costa e tamén do interior da nosa diocese se celebra con alegría o amparo maternal da nosa nai do Ceo, encoméndovos a todos, homes e mulleres do mar, os pescadores e os pertencentes á mariña mercante, os compoñentes da Armada e todos os que dun modo ou outro, formades parte desta familia do mar, aos que poño baixo o patrocinio do apóstolo Santiago e a protección da nosa Señora do Carmen.
Con cordial saúdo e bendición no Señor.
+ Julián Barrio Barrio,
Arceobispo de Santiago de Compostela