Carta Pastoral na Xornada Mundial dos Pobres. 14 Nov. 2021

                              Recoñecernos pobres nos pobres

Queridos diocesanos:

O día 14 de novembro será a V Xornada Mundial dos Pobres co lema: “Os pobres terédelos sempre convosco”? (Mc 14, 7), seguindo a mensaxe do papa Francisco.

Pobres e identidade cristiá

Para o discípulo de Cristo preocuparse polos pobres forma parte da súa identidade cristiá. Nesta pasaxe do Evanxeo di o Papa que “Xesús recórdanos que o primeiro pobre é El, o máis pobre entre os pobres, porque os representa a todos. E é tamén en nome dos pobres, das persoas soas, marxinadas e discriminadas, que o Fillo de Deus aceptou o xesto daquela muller”[1] que derramou un frasco de perfume custoso sobre a súa cabeza. En relación a este xesto, criticado por algúns dos presentes en casa de Simón en Betania, dicindo que se podía vender e entregar o diñeiro aos pobres, Xesús comentará: “Con toda verdade dígovos que, en calquera parte do mundo, onde se proclame o Evanxeo, falarase do que esta [muller] fixo, para memoria súa” (Mc 14, 9). Sublíñase o vínculo inseparable que hai entre Xesús, os pobres e o anuncio do Evanxeo. “Toda a obra de Xesús afirma que a pobreza non é froito da fatalidade, senón un signo concreto da súa presenza entre nós. Non o atopamos cando e onde quixésemos, senón que o recoñecemos na vida dos pobres, no seu sufrimento e indixencia, nas condicións ás veces inhumanas nas que se ven obrigados a vivir”[2].

A hora dos pobres

A pandemia puxo de relevo diferentes formas de pobreza. Fainos recordar as palabras de san Xoán XXIII: “Velaquí a hora dos pobres, dos millóns de pobres que existen no mundo, é a hora do misterio da Igrexa, nai dos pobres, é a hora do misterio de Cristo sobre todo no pobre”. Sen dúbida, moitas persoas sensibles a esta realidade están desvivíndose polos pobres. Na historia da Igrexa esta inquietude foi unha realidade podendo traer á nosa memoria unha gran lista de homes e mulleres comprometidos cos pobres. Así, santa Tareixa de Calcuta, contemporánea nosa, que entregou a súa vida ao servizo dos pobres e en comuñón con eles. Pódenos parecer unha utopía pero “os ideais se son auténticos, se son bos, non son soños, son deberes”. Ante os dramas das persoas e das súas miserias a resposta é vivir a fraternidade, a solidariedade e a amizade cos máis desfavorecidos. Están prohibidos o desprezo e a indiferenza.

A miseria é un muro de separación que Cristo encarnado e o amor de Deus Pai derribaron para que as persoas feridas por calquera tipo de pobreza, material ou espiritual, poidan ser escoitadas, acompañadas e axudadas. “Pois coñecedes a graza do noso Señor Xesucristo, escribe san Paulo, o cal sendo rico, fíxose pobre por vós, para enriquecervos coa súa pobreza” (2Cor 8,9).

Aprender dos pobres

Tamén os pobres nos ensinan “a descubrir a Cristo neles, a prestarlles a nosa voz nas súas causas, pero tamén a ser os seus amigos, a escoitalos, a interpretalos e a recoller a misteriosa sabedoría que Deus quere comunicarnos a través deles. O noso compromiso non consiste exclusivamente en accións ou en programas de promoción e asistencia; o que o Espírito mobiliza non é un desborde activista, senón ante todo unha atención posta no outro considerándoo como un consigo. Esta atención amante é o inicio dunha verdadeira preocupación pola súa persoa, a partir da cal desexo buscar efectivamente o seu ben”[3].

“O amor é de Deus” (1Xn 4,7-8). Quen se sente amado, sente a necesidade de amar a quen o necesita. Amar e servir os pobres é honrar a Cristo nas súas perso­as. “A caridade nunca debe mirar cara atrás, senón cara a adiante, porque o número de boas accións xa pasadas é sempre moi pequeno, mentres que as miserias presentes e futuras ás que hai que atender son infinitas”. Chámasenos a compartir con eles máis aló da esmola puntual e ocasional. Na actualidade, atopamos a moitos homes e mulleres, mocidade e nenos que non só axudan senón que comparten cos pobres nas distintas e novas formas de pobreza. A xenerosidade da que moitas persoas dan testemuño, unida a proxectos de promoción humana, está achegando e achegará unha contribución moi importante nestas circunstancias.

Os pobres están entre nós. Que evanxélico sería se puidésemos dicir con toda verdade: tamén nós somos pobres, porque só así lograremos recoñecelos realmente e facelos parte da nosa vida e instrumentos de salvación!

Saúdavos con afecto e bendí no Señor,

Julián Barrio Barrio,
Arzobispo de Santiago de Compostela.

[1] FRANCISCO, Mensaxe para a xornada mundial dos pobres 2021, 1.

[2] Ibid., 2.

[3] FRANCISCO, Evangelii gaudium, 198-199.