Carta Pastoral na Campaña de “Mans Unidas”. Febreiro 2021

“Corresponsabilidade do ben común”

Queridos diocesanos:

O Papa Francisco acaba de publicar unha carta encíclica dedicada á fraternidade e á amizade social. Un contexto en que atopa razón de ser a chamada á corresponsabilidade do ben común nesta Campaña 62 de Mans Unidas, sabendo que “non se serve a ideas senón a persoas” e que “como comunidade estamos cominados a garantir que cada persoa viva con dignidade e teña as oportunidades adecuadas ao seu desenvolvemento integral”[1].

Promoción do ben común

“Da interdependencia cada vez máis estreita e estendida paulatinamente a todo o mundo séguese que o ben común, isto é, o conxunto daquelas condicións da vida social que permiten aos grupos e a cada un dos seus membros conseguir máis plenamente e facilmente a súa propia perfección, faise cada vez máis universal e por iso implica dereitos e deberes que se refiren a todo o xénero humano. Todo o grupo debe ter en conta as necesidades e aspiracións lexítimas dos demais grupos; máis aínda, debe ter en conta o ben común de toda a familia humana”[2]. Esta doutrina do Concilio Vaticano II é subliñada polo Catecismo da Igrexa Católica que nos di que o ben común supón o respecto á persoa, esixe o benestar social e o desenvolvemento do grupo mesmo e implica a paz, é dicir a estabilidade e a seguridade dunha orde xusta[3]. Estes mesmos aspectos recólleos a Doutrina Social da Igrexa. Todo progreso social debe estar subordinado ao progreso persoal.

Corresponsabilidade de todos

Con estes presupostos doctrinais habemos de considerar que non podemos mirar para outro lado ante as inxustizas que degradan a dignidade da persoa humana. Son moitos millóns de persoas que pasan fame, non teñen as condicións de hixiene necesarias, sen un teito, sen a posibilidade de ser formados e sen acceso ao coidado da saúde. Damos a impresión que esta dura realidade parece cuestionar as nosas conviccións só cando a vivimos de preto, mentres que nos deixan intelectualmente tranquilos cando sucede a miles de quilómetros das nosas sociedades modernas. Coma se a fraxilidade e a precariedade da existencia fosen circunstancias que damos por descontadas nos países “pobres”, pero retan ás nosas crenzas cando nos afectan aos países “ricos”.

Chamados a ser solidarios

A nosa corresponsabilidade atopa camiño de actuación a través da caridade social. Esta “fainos amar o ben común e lévanos a buscar efectivamente o ben de todas as persoas, consideradas non só individualmente, senón tamén na dimensión social que as une”[4]. “Aínda, escribe o Papa, estamos lonxe dunha globalización dos dereitos humanos máis básicos. Por iso, a política mundial non pode deixar de colocar entre os seus obxectivos principais e imperiosos o de acabar eficazmente coa fame. Porque cando a especulación financeira condiciona o prezo dos alimentos tratándoos como a calquera mercadoría, millóns de persoas sofren e morren de fame. Por outra banda, refúganse toneladas de alimentos. Isto constitúe un verdadeiro escándalo. A fame é criminal, a alimentación é un dereito inalienable”[5]. No medio de tantas precaucións para evitar os contaxios da pandemia do coronavirus, a campaña de Mans Unidas pídenos contaxiar a solidariedade para acabar coa fame. Isto conleva a renuncia persoal para favorecer o ben colectivo. Así se nos lembra que “os máis favorecidos deben renunciar a algúns dos seus dereitos para poñer con maior liberalidade os seus bens ao servizo dos demais”[6].

Pasemos dos ditos aos feitos!

Saúdavos con afecto e bendí no Señor

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

 

[1] FRANCISCO, Fratelli tutti, 118.

[2] Concilio Vaticano II, Constitución Gaudium et Spes, 26.

[3] Catecismo da Igrexa católica, nn. 1906-1912.

[4] Fratelli tutti, 182.

[5] Ibid., 189.

[6] Evangelii gaudium, 190.