Carta Pastoral na Campaña de “Mans Unidas”. Febreiro 2022

 Indiferenza e esquecemento

Queridos diocesanos:

Temos que construír a historia verdadeiramente humana a través da solidariedade e a fraternidade. O mes de febreiro lémbranos a través de Mans Unidas que son moitas as persoas que incomprensiblemente pasan fame no noso mundo. Mil trescentos millóns viven en situación de pobreza aos que previsiblemente haxa que engadir cincocentos millóns máis polos efectos da pandemia Covid 19. Comprobamos que a pobreza, a desigualdade e a fame globalízanse e constatamos que non hai vacina para remediar esta situación. A pobreza non é froito da fatalidade nin son culpables os pobres como ás veces se argumenta.
Transformar a realidade
O lema da campaña deste ano interpélanos fondamente: “A nosa indiferenza condénaos ao esquecemento”. Nestes tempos de pandemia habituámonos a pospoñer ou a suprimir proxectos que estaban programados. Habemos de mirar atentamente a realidade que nos toca vivir, superando a indiferenza que sempre a desdebuxa e a coloca no faiado do vello. A nosa preocupación pastoral debe ser transformala con creatividade, escoitando, vendo e actuando. Preguntámonos que nos di o Señor do tempo e da historia, o Alfa e o Omega, a quen peregrina nesta tribulación?[1] Tamén como ao evanxelista san Xoán respóndesenos hoxe: “Non temas; eu son o Primeiro e o Último, o Vivente; estiven morto, pero xa ves: vivo polos séculos dos séculos e teño as chaves da morte e do abismo” ( Ap 1,17-18). “Mira, fago novas todas as cousas… Estas palabras son fieis e verdadeiras” ( Ap 21,5).
Servir as persoas
Non estamos chamados a servir ideoloxías senón a persoas. Nada que afecte aos demais nos pode ser alleo. Ante os dramas das persoas e das súas miserias a resposta é vivir a fraternidade, a solidariedade e a amizade cos máis desfavorecidos. Está prohibida a indiferenza: “Non é posible construír un mundo diferente con xente indiferente”. A xustiza e a caridade nunca deben mirar cara atrás, senón cara a adiante, mentres as miserias presentes e futuras aos que hai que atender nos desbordan. É relativamente fácil facer estatísticas pero para transformar a realidade hai que comprometerse desde o amor aos pobres, achegándonos a eles, e desde ese coñecemento buscar solucións concretas á súa lamentable situación. “No mundo de hoxe persisten numerosas formas de inxustiza, nutridas por visións antropolóxicas reductivas e por un modelo económico baseado nas ganancias, que non dubida en explotar, descartar e mesmo matar o home. Mentres unha parte da humanidade vive na opulencia, outra parte ve a súa propia dignidade descoñecida, desprezada ou pisada e os seus dereitos fundamentais ignorados ou violados. Que di isto sobre a igualdade de dereitos fundada na mesma dignidade humana?”[2].
Outro aspecto que debería facernos reflexionar acerca das nosas reaccións é que tales realidades parecen cuestionar as nosas conviccións só cando as vivimos de preto, mentres que nos deixan intelectualmente tranquilos cando suceden a miles de quilómetros das nosas sociedades modernas. Coma se a fraxilidade e a precariedade da existencia fosen circunstancias que damos por descontadas nos países “pobres”, pero retan ás nosas crenzas cando nos afectan aos países “ricos”.
Ser portadores de esperanzas
“Aínda, escribe o Papa Francisco, estamos lonxe dunha globalización dos dereitos humanos máis básicos. Por iso, a política mundial non pode deixar de colocar entre os seus obxectivos principais e imperiosos o de acabar eficazmente coa fame. Porque cando a especulación financeira condiciona o prezo dos alimentos tratándoos como a calquera mercadoría, millóns de persoas sofren e morren de fame. Por outra banda, refúganse toneladas de alimentos. Isto constitúe un verdadeiro escándalo. A fame é criminal, a alimentación é un dereito inalienable”[3]. Lémbranos que “a esperanza é audaz, sabe mirar máis aló da comodidade persoal… para abrirse a grandes ideais que fan a vida máis bela e digna. Camiñemos en esperanza”[4]. A verdadeira sabedoría supón o encontro coa realidade[5]. No medio de tantas precaucións para evitar os contagios da pandemia do coronavirus, a campaña de Mans Unidas pídenos contaxiar a solidariedade para acabar coa fame. Isto conleva a renuncia persoal para favorecer o ben colectivo. Así se nos lembra que “os máis favorecidos deben renunciar a algúns dos seus dereitos para poñer con maior liberalidade os seus bens ao servizo dos demais”[6].
Saúdavos con afecto e bendí no Señor,