Carta Pastoral na Campaña de “Mans Unidas”. Febreiro 2023

“Frear a desigualdade está nas túas mans”

Queridos diocesanos:

A liturxia da Iglesia reza así: “Noso Pai que nos ceos estás, fai os homes iguais: que ningún se avergoñe dos demais; que todos ao que xeme dean consolo; que todos ao que sofre da fame a tortura lle regalen en rica mesa de manteis brancos con branco pan e xeneroso viño”[1]. A Campaña de Mans Unidas chama de novo á nosa conciencia, lembrándonos que o número de persoas que pasan fame e viven na pobreza, vai aumentando cada vez máis. O cristianismo nace precisamente como amor ao home. Axudar aos demais permítenos descubrir quen son, por que existo e o moito que podo facer. Isto suscita en nós unha pregunta preocupante: Que sociedade é esta nosa na que tan pouco conta a dignidade da persoa e tantas calidades boas están a perderse? Cada un de nós podería ser esa persoa que ten que resignarse á ferida da desigualdade provocada. Cando sanitariamente preocupa o poñernos a vacina de quenda, dámonos conta de que para a pobreza, a desigualdade e a fame non a temos porque son outros intereses humanos os que a dificultan. A pobreza e a fame non son froito da fatalidade nin son culpables os pobres e os que pasan fame como ás veces se argumenta.

Sempre poderemos facer algo

O lema da campaña deste ano ha de inquietarnos: “Frear a desigualdade está nas túas mans”. É un reto que habemos de asumir. É posible que nos xustifiquemos pensando que pouco podemos facer e que a solución a este problema depende doutras instancias que ostentan o poder. En todo caso isto nunca será escusa para que deixemos de facer o que estea nas nosas mans. Esperar a solucionalo todo para actuar, será unha forma de xustificar a nosa inactividade.

Os cristiáns e toda persoa de boa vontade atoparán unha orientación ética e moral na Doutrina Social da Igrexa que recolle a mensaxe do Evanxeo. Para superar a sima da desigualdade necesitamos ter como ponte un traballo digno cun salario axeitado que evite o bucle da dependencia. “Axudar os pobres con diñeiro debe ser sempre unha solución provisoria. O gran obxectivo debería ser sempre permitirlles unha vida digna a través do traballo”[2]. O traballo pola xustiza e a paz é unha realidade que nos incumbe a todos, recoñecéndonos como fillos de Deus e irmáns os uns dos outros. A desigualdade non se avén coa fraternidade. O momento de responder é agora. Como dixo o papa Francisco referíndose ao xuízo final: “a resposta é só unha: o cando é agora. Está nas nosas mans, nas nosas obras de misericordia: non nas puntualizacións e nas análises refinadas, non nas xustificacións individuais ou sociais. Nas nosas mans e nós somos responsables”.

A sociedade pode cambiar

É posible unha sociedade na que a dignidade humana con todos os seus dereitos e obrigacións sexa o faro orientador. Necesitamos un esforzo global para superar as desigualdades, mirando ao futuro con esperanza. Lembremos que calquera cousa que fagamos polos demais, facémola a Cristo e superemos a pulsión polo ter que xera toda cobiza. Máis de 811 millóns de persoas están a pasar fame. Esta realidade non nos pode ser indiferente, illándonos na nosa visión pesimista da vida. Non fagamos dependentes os demais, tratemos de axudalos a saír desa situación inhumana. Servir é posibilitar a igualdade. “Todo ser humano ten dereito a vivir con dignidade e a desenvolverse integralmente, e ese dereito básico non pode ser negado por ningún país… Cando este principio elemental non queda a salvo, non hai futuro nin para a fraternidade nin para a sobrevivencia da humanidade”[3]. Habemos de atrevernos como Tomé, o incrédulo, a meter as nosas mans nas chagas do mundo e nas propias. É atreverse a atopar a Cristo para transformar a realidade.

Ao choio

A fe cristiá non é o soño no que se refuxia quen calcula a carga da vida. Os crentes en Cristo “sofren cos que sofren” (Cf. 1Cor 12,26), toman en serio a dor do próximo e tratan de remedialo. Chámasenos a traballar pola realización integral da persoa. “O amor á sociedade e o compromiso polo ben común son unha forma excelente de caridade”[4].

Poñamos ao choio e fagámolo con esperanza cristiá que “é audaz, sabe mirar máis aló da comodidade persoal… para abrirse a grandes ideais que fan a vida máis bela e digna. Camiñemos en esperanza”[5]. A verdadeira sabedoría supón o encontro coa realidade[6]. A campaña de Mans Unidas pídenos contaxiar a solidariedade para acabar coas desigualdades, favorecendo o ben común. Así se nos lembra que “os máis favorecidos deben renunciar a algúns dos seus dereitos para poñer con maior liberalidade os seus bens ao servizo dos demais”[7].

Saúdavos con afecto e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

 

[1] Himno de Laudes, martes terceira semana da Liturxia das Horas.

[2] FRANCISCO, Fratelli tutti, 162.

[3] FRANCISCO, Fratelli tutti, 107.

[4] FRANCISCO, Laudato si’, 231.

[5] Ibid., 55.

[6] Cf. Ibid., 47.

[7] FRANCISCO, Evangelii gaudium, 190.