Carta Pastoral na Coresma del 2021

Vivir a fraternidade

Queridos diocesanos:

O Papa na súa Mensaxe para a Coresma dinos que esta é un tempo para renovar a fe, a esperanza e a caridade[1]. A Igrexa acompaña a vida, sostén a esperanza e quere ser signo de unidade para tender pontes, derrubar muros, sementar reconciliación[2]. Neste proceso habemos de manter a nosa identidade que sempre ha de axustarse ao Evanxeo de Xesús Cristo, pola contra “perderiamos a alegría que brota da compaixón, a tenrura que nace da confianza e a capacidade de reconciliación que atopa a súa fonte en sabernos sempre perdoados-enviados”[3]. Este é o ton con que habemos de interpretar esta Coresma no contexto do Ano Santo Compostelán, ano da gran perdoanza, tempo de graza e bendición para os que sofren e perderon a esperanza, e tempo de sandar e de encontro, no que habemos de “aprender a cultivar unha memoria penitencial, capaz de asumir o pasado para liberar o futuro das propias insatisfaccións, confusións ou proxeccións”[4], apoiándonos na tradición apostólica que fundamenta a nosa fe.

Chamada á conversión

Reiteradamente oímos que a pandemia está a xerar unha crise relixiosa, sanitaria, económica e social. Consecuencia diso é o atordamento espiritual que manifestamos en non poucas ocasións, mirando o que acontece desde un punto de vista exclusivamente humano e non desde a fe pois o Señor segue na barca connosco. E este atordamento faise palpable desconfianza. Fáltanos reflexión interior. “Se hoxe oídes a súa voz, non endurezades o voso corazón” (Heb 3,7-8). Non é estraño que o Señor como aos seus apóstolos nos diga: “Por que tendes tanto medo? Seica aínda non tedes fe?” (Mc 4,40). A falta de fe xera sempre pesimismo espiritual, esquecendo que “temos forza gracias a quen nos fai forte” (cf. Fil 4,13). Nesta Coresma chámasenos a vivir a experiencia da conversión como algo persoal cun corazón novo, como unha vocación á que temos que darlle resposta permanentemente, tomando conciencia da Providencia divina: “Non se venden cinco pardais por dous patacos? Con todo, Deus nos esquece a ningún. Pois vós, mesmo tedes contados os cabelos todos da vosa cabeza. Así que non teñades medo” (Lc 12,6-7; Mt 10,29-30). Son alentadoras as palabras de Paulo cando escribe: “E a vós non vos viñeron tentacións que superen non sexa de medida humana. Deus é fiel, e o non permitirá que sexades tentados por encima das vosas forzas, senón que coa tentación fará que atopedes tamén o modo de poder soportala” (1Co 10,13). A esperanza, di o Papa, é como auga viva que nos permite continuar o noso camiño, alentando e acompañando aos demais con xestos sinxelos e amables. Non esquezamos que a identidade do cristián vai unida á participación no Misterio de Cristo. Como subliña san Agostiño, nós somos fillos de Deus pola acción de Xesús Cristo: Somos fillos no Fillo (cf. Rom 8,14-17). “Sen unha apertura ao Pai de todos, non haberá razóns sólidas e estables para o chamado á fraternidade”[5]. Non podemos esquecer a nosa condición filial irrenunciable: “Vede o moito que nos quixo o Pai, para nos chamarnos fillos de Deus, e sérmolo de verdade!” (1Xn 3,1). Esta graza de fillos de Deus comprométenos a vivir a fraternidade que non ten límites: “Pero eu dígovos: amade os vosos inimigos, e pregade polos que vos perseguen. Así seredes fillos do voso Pai que está no ceo, que fai saír o sol sobre malos e bos, e chover sobre xustos e inxustos” (Mt 5,44-45). A fe e a esperanza deben manifestarse na caridade que “é o impulso do corazón que nos fai saír de nós mesmos e que suscita o vínculo da cooperación e da comuñón”[6]. A Igrexa chámanos neste tempo coresmal a practicar o xaxún, a esmola e a oración, actitudes que son a ponte da Coresma cara á Pascua, sabendo que o noso único mérito é a misericordia de Deus como manifestaba San Bernardo.

24 Horas para o Señor

Neste camiño coresmal lémbrovos a celebración das 24 horas para o Señor, que terán lugar o venres 12 e o sábado 13 de marzo, deixándonos guiar polas palabras de Xesús á pecadora perdoada: “Os teus pecados están perdoados” (Lc 7,48). Na adoración eucarística atopamos tamén o ambiente propicio para celebrar o Sacramento da Reconciliación cuxa experiencia nos leva a ser misericordiosos cos demais. Pido que nas parroquias, nas comunidades relixiosas e nos nosos Seminarios se programen momentos de adoración ao Santísimo, lectura da Palabra de Deus e celebracións penitenciais no contexto desta celebración.

Bo camiño cara á Pascua! Saúdavos con afecto e bendí no Señor.

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

 

[1] FRANCISCO, Mensaxe para a Coresma de 2021.

[2] Cf. FRANCISCO, Fratelli tutti, 276.

[3] Ibid., 277.

[4] Ibid., 226.

[5] FRANCISCO, Fratelli tutti, 272.

[6] FRNACISCO, Mensaxe…, 3.