Carta Pastoral na Xornada da Infancia Misioneira. Xaneiro 2021

“Con Xesús a Nazaret, ¡somos unha grande familia!”

Queridos nenos e nenas diocesanos:

A Igrexa o día 17 deste mes celebra a Xornada da Infancia misioneira. Cando aínda percibimos os ecos do nacemento de Xesús que nos anunciaba o amor de Deus, escríbovos para que fixándovos nel, lle axudedes a ser mensaxeiros dese amor, boa noticia, que ha de chegar a todos os nenos do mundo.

Xornada Mundial da Infancia Misioneira

Este ano imos con Xesús a Nazaret, para descubrir como discorría a súa vida xunto a María e Xosé na contorna familiar. Vemos que Xesús, Neno Deus, crece na sinxeleza e na humildade do fogar de Nazaret onde o sol do Amor brillaba todos os días aínda no medio das dificultades. Alí viviu na obediencia filial ao seu Pai celestial, deixándose ensinar por María e Xosé. Despois de visitar o templo pola festa da Pascua onde escoitou e fixo preguntas aos mestres que admiraron o seu talento e as respostas que daba, dinos o evanxelista Lucas que “baixou con María e Xosé a Nazaret, e vivía baixo a súa autoridade. A nai conservaba todas estas cousas no seu corazón. Xesús medraba en estatura, en sabedoría e en graza diante de Deus e mais dos homes” (Lc 2, 51-52). Está suxeito a eles porque María e Xosé están suxeitos a Deus. “O núcleo familiar de Xesús, María e Xosé, di o papa Francisco, é para todo crente e en especial para as familias, unha auténtica escola do Evanxeo… Aquí aprendemos que todo núcleo familiar cristián está chamado a ser igrexa doméstica para facer resplandecer as virtudes evanxélicas e chegar a ser fermento de ben na sociedade”. É necesaria unha sa vida espiritual onde se manteña a presenza de Deus orientándonos coa súa luz e fortalecéndonos coa súa bendición. Dicir vida espiritual significa vida de oración, de escoita da Palabra de Deus, de vida sacramental, de amor a Deus e ao próximo, e de traballo. O taller de Xosé é símbolo desoutro taller no que con Xesús habemos de conformar a nosa personalidade sempre nesa actitude de aprender na vida de cada día.

Somos unha familia! Temos unha familia no fogar en que vivimos e da que forman tamén parte os familiares próximos. Nela aprendemos a querernos e axudarnos. Pero temos outra gran familia: a Igrexa na que debemos ocuparnos dos nosos irmáns, especialmente dos máis necesitados: a familia é igrexa doméstica e a Igrexa é familia de Deus no mundo.

Acoller o espírito misioneiro lévanos a saír de nós mesmos para ir ao encontro dos demais e anunciarlles a boa nova do Evanxeo. Sempre me alegra a vosa presenza e participación na catequese e coñecer as vosas iniciativas e inquietudes. Tamén nesta ocasión quero lembrarvos que sodes os pequenos misioneiros que imitando a Xesús comunicades que Deus nos ama, unha noticia que ten que chegar ata o confín da terra. Aínda que as dificultades non sexan pequenas, non debemos acovardarnos confiando na providencia de Deus Pai que está sempre pendente de nós. De maneira especial nesta pandemia na que os nenos do mundo tamén se viron afectados, habemos de pensar neles e tratar de axudarlles coa nosa achega económica.

Xornada da Infancia Misioneira

O papa Francisco lembra que “a Xornada da Infancia Misioneira é a festa dos nenos que viven con alegría o don da fe e rezan para que a luz de Xesús chegue a todos os nenos do mundo”. Con Xesús en Nazaret tratade de ser misioneiros mirándoo e véndoo nos demais nenos. Non esquezades que estades a axudar a millóns de nenos e nenas que necesitan da vosa oración, sacrificio e amor, axudándolles a coñecer a Xesús e a ter unha boa formación. Eles esperan a vosa resposta. Rezamos polos misioneiros e misioneiras. Agradézovolo tamén no seu nome. Pido que o Neno Deus vos bendiga a vós, ás vosas familias e á nosa Diocese. Recemos uns por outros, encomendándonos ao patrocinio do Apóstolo Santiago o Maior neste ano Santo Compostelán.

Na Solemnidade da Epifanía do Señor, co meu afectuoso saúdo e bendición,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.