Carta Pastoral na Xornada da Infancia Misioneira. Xaneiro 2022

“Con Xesús a Xerusalén, Luz para o mundo!”

Queridos nenos e nenas diocesanos:

A Igrexa, o día 16 deste mes, celebra a Xornada da Infancia misioneira. Con Xesús que ía crecendo en estatura, sabedoría e graza en Nazaré, este ano peregrinamos a Xerusalén onde sofre a paixón, morre e resucita pola salvación de todos os homes.

Xerusalén, cidade da paz

Xesús en Xerusalén anuncia o Reino de Deus e maniféstase como Luz. Pasados uns días do seu nacemento, cumprindo a lei do Señor, é presentado por María e José no templo de Xerusalén onde é recibido polo ancián Simeón que cheo do Espírito Santo, “tomouno nos brazos e bendixo a Deus dicindo: Agora, Señor, segundo a túa promesa, podes deixar o teu servo irse en paz. Porque os meus ollos viron ao teu Salvador, a quen presentaches ante todos os pobos, luz para alumar as nacións e gloria do teu pobo Israel” (Lc 2,28-31). Máis tarde, Xesús, dirixindo a súa palabra aos fariseos diralles: “Eu son a luz do mundo, o que me segue non camiña en tebras, senón que terá a luz da vida” (Xn 8,12). Quen segue a Xesús debe acoller a súa luz e manifestala a través das súas obras. Esta é a tarefa e o don dos misioneros, e deben ser os vosos, queridos nenos, chamados a difundir a luz de Xesús, é dicir a fe, a tantos nenos que aínda non oe coñecen. Por iso dirá tamén aos que o seguían: “Vós sodes a luz do mundo. Non se pode ocultar unha cidade posta no alto dun monte. Tampouco se acende unha lámpada para metela debaixo da artesa, senón para poñela no candeeiro para que alume a todos os de casa. Brille así a vosa luz ante os homes, para que vexan as vosas boas obras e dean gloria ao voso Pai que está nos ceos” (Mt 5,14-16). Déusenos a luz para que a fagamos chegar aos que están connosco e na nosa contorna. Non a debemos esconder nin tampouco contentarnos con iluminar soamente o noso camiño. Esta luz maniféstase no amor para producir o desxeo do egoísmo que desfigura a nosa sociedade.

Avivar a luz

Debedes fortalecer esta luz que habedes de transmitir, participando na catequese, atopando a Xesús xunto ao sagrario e recibindo os sacramentos. Tamén nesta ocasión quero recordarvos que sodes os pequenos misioneiros que imitando a Xesús comunicades que Deus nos ama, unha noticia que ten que chegar ata o confín da terra. Aínda que as dificultades non sexan pequenas, non debemos acovardarnos confiando na providencia de Deus Pai que está sempre pendente de nós. De xeito especial nesta pandemia na que os nenos do mundo tamén se viron afectados, debemos pensar neles e tratar de axudalos coa nosa achega económica.

Xornada da Infancia Misioneira

O papa Francisco recorda que “a Xornada da Infancia Misioneira é a festa dos nenos que viven con alegría o don da fe e rezan para que a luz de Xesús chegue a todos os nenos do mundo”. Con Xesús en Xerusalén sede misioneiros escoitándoo e acollendo a súa luz. Non esquezades que estades chamados a axudar a millóns de nenos e nenas que necesitan da vosa oración, sacrificio e amor. Eles esperan a vosa resposta. Agradézovolo tamén no seu nome. Rezamos polos misioneiros e misioneiras. Pido que o Neno Deus vos bendiga a vós, ás vosas familias e á nosa Diocese. Recemos uns por outros, encomendándonos á protección da Virxe María e ao patrocinio do Apóstolo Santiago o Maior neste Ano Santo Compostelán 2022.

Na Solemnidad da Epifanía do Señor, co meu afectuoso saúdo e bendición,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.