Carta Pastoral no Advento 2021

Nadal: Filiación e fraternidade

 Queridos diocesanos:

Fálase nestes días que este Nadal será diferente, referíndose aos engadidos que se han ir adherindo ao que realmente é o misterio que celebramos. Talvez o gozo do nacemento do Fillo de Deus feito home quedou diluído nos aspectos materiais. Seguramente que nestes tempos case post-pandémicos moitas persoas e familias non teñan posibilidade de facer os gastos que adoitaban facer outros anos. O necesario en todo caso deberían telo. E nisto debeemos ser todos corresponsables. Pois precisamente o Nadal recórdanos que Deus Pai fíxonos fillos no seu Fillo Xesucristo e xa que logo irmáns os uns dos outros. Así “os gozos e as esperanzas, as tristezas e as angustias dos homes do noso tempo, sobre todo dos pobres e de cantos sofren, son á vez gozos e esperanzas, tristezas e angustias dos discípulos de Cristo. Nada hai verdaderamente humano que non atope eco no seu corazón… A Igrexa por iso séntese íntima e realmente solidaria do xénero humano e da súa historia” (GS 1).

O nacemento do Fillo de Deus na humildad da nosa carne indica a relación entre natureza, home e Deus creador que “tanto amou o mundo que entregou o seu Unigénito, para que todo o que cre nel non pereza, senón que teña vida eterna” (xn 3, 16). San Paulo recórdanos que “o único que nós facemos é colaborar con Deus; vós sodes o campo que Deus cultiva, a casa que Deus edifica. Ninguén se engane; se algún entre vós cre que é sabio segundo este século, fágase necio para chegar a ser sabio. Porque a sabedoría deste mundo é necedad para Deus” (1Cor 3,18-23). O Advento non pode quedar reducido a ser un tempo para a publicidade comercial, é preparación ao Nadal animando a nosa esperanza ao recordarnos que Deus nos creou por amor e non nos abandonou para que teñamos vida eterna.

Redescubrir a Cristo no Nadal

Nadal é Xesucristo, “o mesmo onte, hoxe e sempre” (Heb 13,8), “que fai novas todas as cousas” (Ap 21,5), “alianza dun pobo e luz das nacións” (Is 42,6). “O anxo dixo aos pastores: Non temades, anúnciovos unha boa noticia que será de gran alegría para todo o pobo: hoxe na cidade de David, naceuvos un salvador, o Mesías, o Señor… Foron correndo e atoparon a María e a Xosé, e o neno deitado no presebe” (Lc 2, 10-11.16)). É necesario volver ás raíces cando o sentimento do descoñecido está xerando incerteza ante o futuro e afectando a certezas que parecían consolidadas. “A tempestade, dicía o papa Francisco referíndose á pandemia, móstranos como deixaramos durmido e abandonado o que alimenta, sostén e dá forza á nosa vida e á nosa comunidade. Pon ao descuberto todos os intentos de encaixar e esquecer o que nutriu a alma dos nosos pobos; todas esas iniciativas de anestesiar con aparentes rutinas salvadoras, incapaces de apelar ás nosas raíces”. Xa xorden voces de pensadores fóra do cristianismo, que afirman que necesitamos a Cristo. Certamente só El dá a esperanza para que a vida non se vexa condenada á insignificancia. Pero a esperanza é inseparable do amor solidario. “Vivir na caridade é pois un gozoso anuncio para todos, facendo crible o amor de Deus que non abandona a ninguén”.

Necesitamos conformarnos coa historia e persoa de Cristo, na procura paciente da verdade. É o afán de verdade o que promove a fe cristiá. “O misterio do home só se esclarece no misterio do Verbo encarnado” Cristo o novo Adán manifesta plenamente o home ao propio home e descóbrelle a grandeza da súa vocación” (GS 22). “A verdadeira, a gran esperanza do home que resiste malia todas as desilusións, só pode ser Deus, o Deus que nos amou e que nos segue amando ata o extremo”[1]. No contexto dunha cultura neopagana o home segue buscando o signo dunha esperanza alegre e xenerosa, como norma inspiradora de todo auténtico progreso que forxa unha convivencia de todos en caridade que nos compromete a edificar o presente e proxectar o futuro desde a verdade auténtica do home, desde a liberdade que respecta esa verdade e desde a xustiza para todos. A isto comprométenos o Nadal coa alegría das panxoliñas e sen a angustia do consumismo. O noso mañá reflectirá a esperanza do hoxe.

Exhortación para o Nadal

Como vos escribía o pasado Nadal, non amortigüemos as consecuencias da mensaxe de Xesús sobre os almofadóns dos nosos prexuízos e sentimentalismos. Levemos ás persoas necesitadas material e espiritualmente a Luz que brillou en Belén, ofrecéndolles a nosa axuda. Pola miña banda quero chegar aos vosos fogares e proclamarvos ese gran anuncio de esperanza cristiá: “Gloria a Deus no ceo, e na terra paz aos homes de boa vontade”. Pido ao Neno Deus que bendiga a todas as familias, en especial ás que nestas datas o recordo das persoas queridas se transluce en tristeza. Feliz Nadal a todos!

Saúdavos con afecto e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.