Carta Pastoral no Día da Acción Católica e Apostolado Segrar 2021

“Os soños constrúense xuntos”

Queridos diocesanos:

Seguimos facendo memoria do Congreso Nacional de Laicos e do noso Sínodo diocesano. Neste contexto celebramos o día da Acción Católica e do Apostolado Segrar na solemnidade de Pentecoste. Nesta Xornada referímonos a este texto clarificador do Papa: “Velaquí un fermoso secreto para soñar e facer da nosa vida unha fermoso aventura. Ninguén pode pelexar a vida illadamente… necesítase unha comunidade que nos sosteña, que nos axude e na que nos axudemos uns a outros a mirar cara a adiante. Que importante é soñar xuntos… Sos córrese o risco de ter espellismos, nos que ves o que non hai; os soños constrúense xuntos”[1].

Neste momento caracterizado por cambios imprevisibles que están a afectar á Iglesia, “o esforzo orientado ao anuncio do Evanxeo aos homes do noso tempo, exaltados pola esperanza pero á vez perturbados con frecuencia polo temor e a angustia, é sen ningunha dúbida un servizo que se presenta á comunidade cristiá e mesmo a toda a humanidade”[2]. Non ignoramos que se está producindo unha ruptura na transmisión xeracional da fe nas nosas comunidades cristiás. “Algunhas causas desta ruptura son: a falta de espazos de diálogo familiar, a influencia dos medios de comunicación, o subxetivismo relativista, o consumismo desenfreado que alenta o mercado, a falta de acompañamento pastoral aos máis pobres, a ausencia dunha acollida cordial nas nosas institucións, e a nosa dificultade para recrear a adhesión mística da fe nun escenario relixioso plural”[3]. Non cabe dúbida de que “canto máis se seculariza a sociedade civil e política, máis deben comprender os católicos, por encima de toda posible confusión, que a súa pertenza á Igrexa que lles transmite xa neste mundo o xerme da vida divina, libera o fondo do seu ser facéndoo respirar no eterno”[4].

Purificando cada día a nosa fe, estamos chamados a edificar a cidade de Deus no medio da cidade dos homes, sendo amables e comprensivos, entregando a vida polos demais como comprobamos tamén durante esta pandemia. Necesitamos “comunidades eclesiais maduras”[5]; comunidades de fe confesada na adhesión á Palabra de Deus, celebrada nos sacramentos e vivida na caridade como alma da existencia moral cristiá[6], sabendo que o laico cristián ha de crecer interiormente no itinerario progresivo da santidade. Isto esixe unha formación para a misión: evanxelizar na rúa cunha vida coherente, vivindo a experiencia de Deus. Hai que pasar do laico consumidor de actividades eclesiásticas a un laicado corresponsable na misión evanxelizadora da Igrexa, evitando o perigo do clericalismo que leva a funcionalizar o laicado e a diluír a graza bautismal. Neste sentido hai que discernir que lugar ocupa o apostolado segrar nas nosas parroquias, e como impulsar a acción dos laicos naquelas experiencias fundamentais como son a familia, a educación, a cultura, a actividade laboral e a presenza na vida pública.

Necesitamos abrirnos á transcendencia e á fraternidade, ao discernimento e á sinodalidade. É posible que non harmonizásemos coñecemento e experiencia de fe, nin prestado atención ás inquietudes das persoas, nin realizado unha revisión precisa da nosa acción pastoral. #Ante estes desafíos estivemos talvez distraídos e non percibimos a relevancia dos mesmos. Neste sentido o papa Francisco dinos: “Espero que todas as comunidades procuren poñer os medios necesarios para avanzar no camiño dunha conversión pastoral e misioneira, que non pode deixar as cousas como están. Xa non nos serve unha simple administración… Constituámonos en todas as rexións da terra nun estado permanente de misión”[7]. É a hora de camiñar xuntos como Pobo de Deus, pastores, consagrados e laicos, conscientes de que todos somos necesarios á hora de evanxelizar. A sinodalidade interpélanos a estar no corazón do mundo asumindo o compromiso na vida pública, conscientes de que “a Igrexa non pretende disputar poderes terreos, senón ofrecerse como fogar entre os fogares, aberto para testemuñar ao mundo actual a fe, a esperanza e o amor ao Señor e a aqueles que El ama con predilección”[8].

Non esquezamos que o “apostolado dos laicos, que xorde da súa mesma vocación cristiá, non pode faltar nunca á Igrexa” ( AA 1). Na Igrexa diocesana ha de crecer a conciencia de que o laico ten unha misión eclesial por dereito propio e como consecuencia da súa pertenza á Igrexa. É na historia onde todas as realidades creadas comezan a ser transformadas pola forza do Evanxeo. Hai que anunciar a novidade de Cristo nesta sociedade na que os membros das asociacións de apostolado laical han de “personalizar a fe e vivila evanxelicamente, seguir un proceso de formación permanente, celebrar comunitariamente a fe, atopar o ámbito eclesial de discernimento comunitario, asumir as responsabilidades persoais e ser fieis aos compromisos adquiridos na comunidade eclesial e na vida pública, constituír o suxeito social necesario para unha presenza pública significativa e eficaz”[9].

Que o Espírito Santo nos ilumine na tarefa evanxelizadora e revitalice o Apostolado Segrar e a Acción Católica! Saúdavos con afecto e bendí no Señor.

 

+ Julián Barrio Barrio,

Arcebispo de Santiago de Compostela.

[1] FRANCISCO, Fratelli tutti, 8.

[2] PABLO VI, Exhortación apostólica Evangelii Nuntiandi, nº 1.

[3] FRANCISCO, Evangelii gaudium, 70.

[4] HENRI DE LUBAC, Diálogo sobre o Vaticano II, Madrid 1985, 81.

[5] Christifideles laici, 34.

[6] Cf. Ibid., 33.

[7] FRANCISCO, Evangelii gaudium, 25.

[8] FREANCISCO, Fratelli tutti, 276.

[9] Ibid., 97.