Carta Pastoral no Día da Acción Católica e Apostolado Segrar 2022

“Sigamos construíndo xuntos. O Espíritu Santo necesítanos”

Queridos diocesanos:

En continuidade coa mensaxe do pasado ano e no contexto sinodal no que, convidados polo papa Francisco para preparar o Sínodo dos Bispos (2023), atopámonos, convídasenos a seguir construíndo xuntos coa forza do Espírito Santo unha Igrexa en saída para anunciar con alegría o Evanxeo e ser comunicadores de esperanza, lembrando que todos os bautizados habemos de sentirnos protagonistas da misión que se nos confiou na Igrexa e no mundo (cf. LG 31). Non podemos esquecer o papel fundamental do laicado na corresponsabilidade e na misión evanxelizadora da Igrexa.

Despois da Resurrección o Señor conferiu aos apóstolos a misión de anunciar o Evanxeo con todas as consecuencias. Houbo dificultades desde o principio pero Pedro ante a prohibición de predicar dirá: “Hai que obedecer a Deus antes que aos homes” e non os atemoriza nin os abate. Non lles asusta ser aldraxados con tal de cumprir a misión encomendada. Predicar o Evanxeo desemboca na práctica do culto. Coñecer que Cristo morreu e resucitou pola nosa salvación ha de levarnos a adherirnos a El como o noso Señor.

Nesta Xornada lembramos novamente esta consideración do papa Francisco: “Velaquí un fermoso secreto para soñar e facer da nosa vida unha fermosa aventura. Ninguén pode pelexar a vida illadamente… necesítase unha comunidade que nos sosteña, que nos axude e na que nos axudemos uns a outros a mirar cara a adiante. Que importante é soñar xuntos… Sos córrese o risco de ter espellismos, nos que ves o que non hai; os soños constrúense xuntos”[1]. “Sigamos construíndo xuntos. Sigamos crendo que os soños se constrúen xuntos, desde a fraternidade, a comuñón eclesial. A sinodalidade consiste en ir creando un “nós” eclesial, compartido, é dicir, que todos sintamos como propia a biografía da Igrexa”[2]. A vocación cristiá é pola súa propia natureza vocación apostólica, misioneira, evanxelizadora.

Tres actitudes configuran a identidade cristiá e apostólica do discípulo de Cristo: unha inquietude profunda e humilde para sintonizar con Cristo, a fidelidade á súa persoa e a obediencia á acción iluminadora e santificadora do Espírito, e a humilde intrepidez para aceptar a honra da repulsa ou da acollida que o home libremente ha de facer sempre de Cristo, signo de contradición fronte ao misterio insondable da liberdade humana. No noso peregrinar apostólico temos que lembrar que fomos elixidos en Cristo, amados con Cristo e enviados como Cristo no noso Bautismo (cf. Xn 3,3; 5-7). “Non podemos obviar o sacramento do Bautismo, porque aquí se atopa a base para unha nova concepción do laico na Igrexa, como membro de pleno dereito”[3]. Elixidos como froito gratuíto dunha absoluta e amorosa iniciativa do Pai, os cristiáns son como unha prolongación vivente de Cristo; amados, son como seres transferidos ao Reino do Fillo do seu Amor ata que o mesmo Cristo habite pola fe nos nosos corazóns ( Ef 3,17); enviados, son como testemuñas viventes de Cristo para dar froito e que o froito permaneza. Sen conciencia de ser elixidos maniféstase a radical crise cristiá, sen conciencia de ser amados emerxe a irresponsabilidade da propia identidade ante Deus e ante Cristo, sen conciencia de ser enviados redúcese o cristianismo a puro convencionalismo social ou relixioso. Neste momento caracterizado por cambios imprevisibles que están a afectar á Igrexa, “o esforzo orientado ao anuncio do Evanxeo aos homes do noso tempo, exaltados pola esperanza pero á vez perturbados con frecuencia polo temor e a angustia, é sen ningunha dúbida un servizo que se presenta á comunidade cristiá e mesmo a toda a humanidade”[4].

Necesitamos a forza do Espírito Santo, “ garante da comuñón, da unidade que non é igual a uniformidade, senón que se expresa na diversidade que nos conduce á complementariedade”[5]. O papa Francisco dinos: “Espero que todas as comunidades procuren poñer os medios necesarios para avanzar no camiño dunha conversión pastoral e misioneira, que non pode deixar as cousas como están. Xa non nos serve unha simple administración… Constituiámonos en todas as rexións da terra nun estado permanente de misión”[6]. A sinodalidade interpélanos a estar no corazón do mundo asumindo o compromiso na vida pública, conscientes de que “a Igrexa non pretende disputar poderes terreos, senón ofrecerse como fogar entre os fogares, aberto para testemuñar ao mundo actual a fe, a esperanza e o amor ao Señor e a aqueles que El ama con predilección”[7].

Que o Espírito Santo nos ilumine na tarefa evanxelizadora e revitalice o Apostolado Segrar e a Acción Católica! Saúdavos con afecto e bendí no Señor.

+ Julián Barrio Barrio,
Arzobispo de Santiago de Compostela.

 

[1] FRANCISCO, Fratelli tutti, 8.

[2] Mensaxe dos Obispos. Día da Acción Católica e do Apostolado Segrar, 2022.

[3] Ibid.

[4] PAULO VI, Exhortación apostólica Evangelii Nuntiandi, nº 1.

[5] Mensaxe…

[6] FRANCISCO, Evangelii gaudium, 25.

[7] FREANCISCO, Fratelli tutti, 276.