Carta Pastoral no Día das persoas sen fogar. Outubro 2021

“¿Sen Saída? Perdidos nun sistema de protección social que non protexe”

Queridos diocesanos:

A Xornada central da Campaña Ninguén Sen Fogar, prevista para o día 31 de outubro, tennos que motivar a sensibilizarnos ante o que consideramos situación alarmante e que cada vez afecta a máis persoas que ven abocadas ao sinfogarismo, que viven na rúa ou en situacións lamentables, así como tamén as que ven afectadas polos desafiuzamentos. En comuñón, en unidade, todos debemos reivindicar os seus dereitos e contribuír coas nosas achegas e axudas a transformar esa realidade. E a Campaña faino coa seguinte mensaxe xeral: “Sen Saída? Perdidos nun sistema de protección social que non protexe”. A iniciativa preséntanos a unha persoa que vai entrar a un labirinto, constatando que este tipo de persoas están perdidas nun Sistema de Protección Social que non protexe.

A Campaña promovida por Cáritas propón que “Digamos Basta, Ninguén sen Fogar”, e fai mención moi directa a temas relacionados coa saúde, o dereito ao traballo, a vivenda digna e o acceso aos servizos sociais. Trátase dun compromiso de todos para reivindicar os seus dereitos e contribuír a transformar esa realidade. Cáritas como entidade da Igrexa católica leva 29 anos poñendo en marcha esta Campaña contando coa colaboración doutros colectivos e plataformas que traballan no campo do social, co obxectivo último de que toda persoa viva con dignidade nun fogar propio, en paz e permanente.

A Campaña persegue concienciarnos das reivindicacións que as persoas sen fogar que precisan do noso apoio, de forma particular, e en xeral das institucións e administracións que teñen competencias para solucionar este grave problema que mantén a diario a miles de persoas durmindo na rúa ou en lugares insalubres.

Tendo en conta o que vemos a diario nas nosas rúas, temos que denunciar que as persoas deixaron de ser o ben protexido e atopámonolas en situación de exclusión. Lembramos as palabras do papa Francisco que nos insiste que é unha forma de descarte.

Na Xornada reclámase a necesidade de protección social para todas as persoas. Faise tendo en conta a COVID19 que tivo un gran impacto nas nosas vidas e que é moito maior nas vidas das persoas máis vulnerables e excluídas da sociedade, como ocorre nas persoas sen fogar. Elas non teñen un fogar onde poder refuxiarse, coidarse e recuperar a saúde e a tranquilidade, ademais ven dificultado o seu acceso aos mecanismos de protección social, que resultan insuficientes e pouco adaptados á súa realidade. Temos que insistir tamén en que é necesario avanzar cara a unha sociedade onde vivamos con plena universalidade e igualdade en dereitos e para conseguilo necesitamos traballar para responder a distintos retos, como poden ser os relacionados cos dereitos humanos, políticas públicas de protección, que os medios de comunicación sexan sensibles a estes temas e avanzar nunha sociedade dos coidados, para deste xeito sentirnos responsables e solidarios uns doutros. Camiñar e facer posible que todas as persoas teñan un fogar, é tarefa de toda a comunidade social.

Saúdavos con afecto e bendí no Señor

+Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.