Carta Pastoral no Día das Persoas sen Fogar. Outubro 2022

“Fóra de cobertura”

Queridos diocesanos:

Na Campaña “Ninguén Sen Hogar 2022”, promovida por Cáritas e un amplo número de entidades sociais, insístese no obxectivo fundamental de que toda persoa viva con dignidade nun fogar propio, de maneira permanente e en paz. Este ano o lema reflicte a realidade sobre a desprotección social e a non realización dos propios dereitos, e convídasenos, individual e colectivamente, a ser unha sociedade inclusiva que xere espazos de comunidade. Estar fóra de cobertura sempre xera incerteza. Así o percibimos, por exemplo, ao falar por teléfono cando unha voz anónima advirte desta circunstancia.
Outubro, día 30
O día central da Campaña será o 30 de outubro, apostando absolutamente polas persoas sen fogar e mirando aos seus dereitos fundamentais de maneira global. As entidades caritativo-sociais que traballan con estas persoas, denuncian as dificultades permanentes que afrontan estes colectivos que viven na rúa, agravadas aínda máis durante a pandemia. Cáritas como entidade da Igrexa católica, hai 30 anos puxo en marcha esta iniciativa solidaria contando coa colaboración doutras plataformas que traballan no campo do social, para tratar de conseguir que toda persoa viva con dignidade nun fogar propio, en paz e de maneira permanente.
As mensaxes recibidas estes días denuncian que o colectivo das persoas sen fogar estable se atopa “Fóra de cobertura”, insistindo no labirinto ao que se enfrontan perdidas nun sistema de protección social que non funciona. Non ter fogar significa para esas persoas vivir sempre expostas ás miradas etéreas “que te miran pero non te ven”, ou a xestos talvez despectivos, ou a actitudes violentas.
Nada que afecte aos demais, nos debes ser alleo
Un ano máis a Campaña proponnos que “Digamos Basta. Ninguén sen Hogar”, para que os miles de persoas afectadas polo senfogarismo gocen dos mesmos dereitos, relacionados coa saúde, o traballo, a vivenda digna e o acceso aos servizos sociais. En unidade, en comuñón, debemos insistir na reivindicación dos seus dereitos e contribuír coas nosas achegas e axudas a transformar esa realidade.
A pandemia supuxo o agravamento de situacións de miles de persoas que se atopaban na rúa, nunha vivenda insegura ou inadecuada ou que foron obxecto dos aloxamentos precarios. Estas realidades confirman que os sistemas de protección social fallaron, e que fraxilizaron aínda máis a xa de seu debilitada situación dos máis vulnerables.
“Non permitas que queden fóra”
A Campaña pretende concienciarnos das necesidades e reivindicacións das persoas que precisan ademais do noso apoio, o das institucións e administracións que teñen competencias para solucionar este grave problema que afecta a miles de persoas que dormen na rúa ou en lugares pouco adecuados ou insalubres. Lémbrasenos que debemos reivindicar estes dereitos para as persoas sen fogar, todos os días, e en todas partes.
Saúdavos con afecto e bendí no Señor,

+Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.