Carta Pastoral no Día diocesano do Catequista

Queridos/as catequistas:

Ao dirixirme a vós fágoo con todo agradecemento e co gozo de saber o gran compromiso que asumistes á hora de transmitir o don da fe coa mensaxe do Evanxeo, sempre Boa Nova. Unha misión tanto máis significativa no momento actual que non abunda precisamente en boas noticias e cando o desánimo pode prender en nós caendo na indiferenza.

Hoxe quero lembrarvos que no voso ministerio de catequistas estades unxidos coa unción da alegría e da bondade. “Alegrádevos e exultade (Mt 5,12), di Xesús aos que son perseguidos ou humillados pola súa causa. O Señor pídeo todo, e o que ofrece é a verdadeira vida, a felicidade para a cal fomos creados. El quérenos santos e non espera que nos conformemos cunha existencia mediocre, augada. En realidade, desde as primeiras páxinas da Biblia está presente, de diversas maneiras, o chamado á santidade. Así llo propoñía o Señor a Abrahán: «Camiña na miña presenza e sé perfecto» (Xén 17,1)”(1).

Nesta ocasión pido que o Señor vos unxa coa unción da alegría tan necesaria na vosa misión como catequistas. “O Espírito Santo é a alegría que vén de Deus. Desde Xesús esta alegría derrámase sobre nós no seu Evanxeo, na boa noticia de que Deus nos coñece, que é bo e que a súa bondade é un poder sobre todos os poderes; que somos queridos e amados por El. A alegría é o froito do amor” (2). Esta alegría é algo distinto do puro entretemento, penetra no noso corazón e é misioneira porque a través dela consolades e evanxelizades os nenos e os mozos que se vos encomendaron. A alegría vai acompañada da fidelidade e da mansedume. O papa Francisco alude ás actitudes que axudan a acoller o anuncio como a proximidade, a apertura ao diálogo, a paciencia, a acollida cordial que non condena (EG 165). Sen alegría o Evanxeo non é Boa Noticia. “A alegría do Evanxeo enche os corazóns e a vida enteira dos que se atopan con Xesús… Con Xesucristo a alegría sempre nace e renace” (EG 1).

O Día diocesano do Catequista terémolo, Deus mediante, o 4 de marzo, e o 12 será o Día da Catequese nas Parroquias. Convídovos a participar e a celebrar festivamente estes días. Non esquezades que a Igrexa diocesana vos necesita e vos agradece a vosa entrega e xenerosidade. A miña gratitude á Delegación Diocesana de Catequese e a todos os seus colaboradores, recoñecendo o encomiable labor que están a realizar con tanto esforzo e dedicación.

Rezo con todos vós pedindo que o Señor concedese a súa gloria ás persoas catequistas que terminaron a súa peregrinación nesta vida ao longo do pasado ano. Que a todos vós o Señor vos bendiga e vos garde de todo mal e vos manteña no seu santo servizo. Saúdavos con afecto e bendí no Señor.

 

(1) FRANCISCO, Gaudete et exultate, 1-2. (1)

(2) BIEITO XVI, Homilía aos sacerdotes o día un de abril de 2010