“Adoremos o Santísimo Sacramento”
Queridos diocesanos:
A solemnidade do Corpus Christi fundamenta a misión evanxelizadora nunha sociedade secularizada. A preocupación é buscar unha renovación tanto exterior como interior da comunidade cristiá. A crise de fe leva a preguntar cantos cren que Xesús está realmente e verdadeiramente presente na Eucaristía. Con frecuencia tratamos de arrombar a fachada sen darnos conta que os alicerces se están rachando, o que se manifesta no proceso de descristianización. San Xoán Paulo II na súa exhortación postsinodal Ecclesia in Europa escribía: “A cultura europea dá a impresión de ser unha apostasía silenciosa por parte do home autosuficiente que vive coma se Deus non existise” (EE 9). Pensar e vivir desde Deus e cara a Deus conleva asumir un compromiso polo home.
O amor é inmortal
O amor é inmortal porque Deus é amor. Este amor manifestóunolo Deus Pai ao enviarnos o seu Fillo, feito carne, para salvarnos e acompañarnos ata o final dos nosos días. Isto reflíctese na institución da Eucaristía. Na última Cea, “mentres estaban a comer, Xesús colleu pan, deu grazas, partiuno e déullelo, dicindo: Tomade, isto é o meu corpo. E collendo unha copa, dando grazas, pasóullela, e todos beberon dela. E díxolles: Isto é o meu sangue, da Alianza, vertido por todos” (Mc 14,22-24). “A fracción do pan, como ao principio se chamaba á Eucaristía, estivo sempre no centro da vida da Igrexa. Por ela, Cristo fai presente ao longo dos séculos o misterio da súa morte e resurrección. Nela recíbímolo a El en persoa, pan vivo que baixou do ceo (Xn 6,51), e con El dásenos a prenda da vida eterna, mercé á cal se pregusta o banquete eterno na Xerusalén celeste”[1]. Así o reitera a comunidade cristiá cando o sacerdote proclama: “Este é o Misterio da nosa fe”, respondendo: “Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección, ven Señor Xesús!”. Chámasenos a celebrar, adorar e contemplar este Misterio coa conciencia viva da presenza real de Cristo, testemuñándoa coa nosa actitude ao servizo dos últimos co obxectivo de construír unha sociedade máis xusta e fraterna. Esta necesidade estamos a percibila de maneira especial nas consecuencias desta pandemia que está a visibilizar duramente a nosa vulnerabilidade. Os crentes en Cristo “sofren cos que sofren” (Cf. 1Cor. 12, 26). Toman en serio a dor do próximo, que os conmove e os empuxa a facer algo por remedialo. A fe non necesita do sufrimento para revalorizarse. Cristo quixo facerse un de nós experimentando a nosa dor e a nosa morte. Entregou a súa vida para que nós a teñamos en abundancia.
Día da Caridade
“Se un di: “Eu amo a Deus”, pero odia o seu irmán, é un mentireiro. Porque quen non ama o seu irmán, a quen está vendo, non pode amar a Deus a quen nunca viu” (1Xn 4,20). O amor a Deus e o amor ao próximo son inseparables. Como escribiu Bieito XVI, “o versículo de Xoán hase de interpretar máis ben no sentido de que o amor do próximo é un camiño para atopar tamén a Deus, e que pechar os ollos ante o próximo nos converte tamén en cegos ante Deus”[2]. Na hipótese dunha sociedade plenamente xusta o amor é necesario. “Non hai orde estatal, por xusto que sexa, que faga superfluo o servizo do amor. Quen intenta desentenderse do amor disponse a desentenderse do home en canto home. Sempre haberá sufrimento que necesite consolo e axuda. Sempre haberá soidade. Sempre se darán tamén situacións de necesidade material nas que é indispensable unha axuda que mostre un amor concreto ao próximo”[3].
Neste convencemento a Igrexa en España fai coincidir coa solemnidade do Corpus o Día da Caridade, como chamada a estar pendentes dos demais, sobre todo dos máis pobres e necesitados materialmente e espiritualmente. Como pobo que peregrina cara a Deus, a acción caritativa ha de realizarse na Igrexa, coa Igrexa e ao servizo da Igrexa, “que sen deixar de gozarse coas iniciativas dos demais, reivindica para si as obras de caridade como deber e dereito propio que non pode allear”[4]. Quen acolleu o amor de Deus, sente a necesidade de manifestalo a través das súas obras. Por iso, “quen queira vivir con dignidade e plenitude non ten outro camiño máis que recoñecer o outro e buscar o seu ben”[5].
Agradecéndovos a vosa xenerosa colaboración económica con Cáritas para axudar os necesitados, saúdavos con todo afecto e bendí no Señor,
+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.
[1] XOÁN PAULO II, Carta apostólica Mane nobiscum Domine, 3.
[2] BIEITO XVI, Carta encíclica Deus caritas est, 16.
[3] Ibid., 28b.
[4] Concilio Vaticano II, Decreto “Apostolicam actuositatem”, 8.
[5] XOÁN PAULO II, Mane nobiscum Domine, 9.