Carta Pastoral no Día do Enfermo 2021

“Coidémonos mutuamente”

Queridos diocesanos:

Na festa da nosa Señora de Lurdes celebramos a Xornada do Enfermo. Sen dúbida as consecuencias da pandemia que estamos a vivir, fannos tomar unha maior conciencia da nosa fraxilidade. Neste tempo estamos a ter moi en conta aos contaxiados polo coronavirus sen esquecer a quenes están afectados por outras enfermidades. Lamentamos dolorosamente a soidade en que moitos enfermos se atoparon mesmo no momento da súa morte. “A proximidade, de feito, é un bálsamo moi valioso, que brinda apoio e consolo a quen sofre na enfermidade”[1], manifestando a dependencia que temos e sentimos entre nós. Todos nos necesitamos e a forza do Señor nos axuda a manternos unidos. “Un só é o voso Mestre e todos vós sodes irmáns” (Mt 23,8), lémbranos o Papa na súa Mensaxe para esta Xornada. Este convencemento ha de motivarnos a ser misericordiosos como o noso Pai Deus, vendo aos outros cos ollos do noso corazón e amándonos uns a outros como o Señor nos ama (cf. Xn 13,34) e coidándonos mutuamente.

Bos samaritanos coa fe, a esperanza e a caridade

De maneira especial ante as persoas enfermas nosa actitude ha de ser a do Bo Samaritano. “Xesús propón deterse, escoitar, establecer unha relación directa e persoal, sentir empatía e conmoción por el ou por ela, deixarse involucrar polo seu sufrimento ata chegar a facerse cargo del por medio do servizo (cf. Lc 10,30-35)”[2]. A fe, a esperanza e a caridade han de tecer a alfombra que pisemos ante o sufrimento e os enfermos.

A fe cristiá axúdanos a percibir na escuridade da dor a luz de Cristo Resucitado e non fai promesas dun futuro mellor a expensas da realidade presente. Os crentes en Cristo “sofren cos que sofren” (Cf. 1Cor 12,26), toman en serio a dor do próximo, conmóvelles e empúxalles a facer algo por remedialo. Esta fe úrxenos a facernos cargo do impacto lacerante causado pola enfermidade e non necesita do sufrimento para revalorizarse. Deus non agarda detrás da desgraza para que os homes terminen adorándolle. A nosa dor é a súa[3]. El quixo facerse un de nós experimentando a dor e a morte, e entregou a súa vida para que nós a teñamos en abundancia. No medio da dor a nosa fe debe permanecer serena no Si de Deus que non nos protexe inmunes da desgracia pero nos fai saír dos nosos alpendres persoais e institucionais para facelo presente en todos os sufrimentos. Permanecer na fe implica seguir as pegadas do Crucificado e Resucitado. El está presente en quen ve racharse o chan sobre o que se apoia a súa vida. A ninguén como ao cristián débelle doer tanto a dor dos demais, pero esa dor nunca será pedra de tropezo ou escándalo para desconfiar de Deus.

A nosa esperanza é serena: ten a certeza de que “nada nos separará do amor de Deus manifestado en Cristo Xesús”, nin sequera esta morte temporal (Cf. Rom 8,35). Queridos enfermos, anímovos a contemplar a figura de Cristo resucitado mostrando as palmas das súas mans. Nelas recoñeceremos tatuado o Si definitivo do Pai ao seu Fillo Xesús Cristo, e a todos nós, os seus fillos. Esas mans son signo de que o amor do Pai é máis forte que a morte: “Mirade para as miñas mans e para os meus pés: sonvos eu” (Lc 24,39). Quenquera que as contemple poderá recoñecer nelas todo o peso da dor do mundo e tamén o realismo da esperanza. Quen as está ofrecendo experimentou en propia carne a morte e é o que nos pode dicir: “Estiven morto, pero repara en que estou vivo polos séculos dos séculos” (Ap 1,18). Na súa resurrección todos viven do seu presente eterno e os seus nomes quedan inscritos no libro da vida. As nosas vidas están tatuadas en Deus: “Velaí, estás escrito nas palmas das miñas mans” (Is 49,16). Nas chagas gloriosas do Señor están todos os nomes. Esta é a nosa esperanza.

A fe actúa a través do amor caridade” (Gal 5,6). En tempos de tribulación, permanezamos na fe, que non é a quietude dun fervor individualista, senón o facernos próximos de todos coa caridade que “é o impulso do corazón que nos fai saír de nós mesmos e que suscita o vínculo da cooperación e da comuñón”[4]. Quen ama a exemplo de Xesús alivia o sufrimento e enxuga as bágoas sen pensar en si mesmo e sen esperar a que llo pidan.

A vós, queridos enfermos e enfermas, téñovos moi presentes na miña oración coa intercesión da Virxe María, saúde dos enfermos. Saúdavos con todo afecto e bendí no Señor

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

 

[1] FRANCISCO, Mensaxe para a XXIX Xornada Mundial do enfermo, 11 de febreiro de 2021, 3.

[2] Ibid., 1.

[3] “Deus non pode padecer, pero pode compadecer. O home ten un valor tan grande para Deus que se fixo home para poder compadecer El mesmo co home, de xeito moi real, en carne e sangue, como nos manifesta o relato da Paixón de Xesús. Por iso en cada pena humana entrou un que comparte o sufrir e o padecer; de aí difúndese en cada sufrimento a consolatio, o consolo do amor participado de Deus e así aparece a estrela da esperanza”: BIEITO XVI, Spe salvi, 39.

[4] FRANCISCO, Mensaxe para a Coresma do 2021, 3.