Carta Pastoral no Día do Enfermo 2022

Queridos diocesanos:

Na festa de Nosa Señora de Lourdes celebramos a XXX Xornada Mundial do Enfermo. Este ano pídesenos: “Sede misericordiosos como o voso Pai é misericordioso” ( Lc 6,36). Con esta motivación o papa Francisco chama a toda a Igrexa a vivir a experiencia da misericordia co enfermo. Ela é visible e palpable na tenrura dos que coidan os máis fráxiles e necesitados, no perdón mutuo e no sacramento da reconciliación. Por iso desexo que todos teñamos abertos os oídos do corazón para percibir o rumoreo do Espírito que nos indica: “sede misericordiosos os uns cos outros”. Estou seguro de que ningún de nós pode dicir que non necesita da misericordia de Deus e da dos demais. E os demais esperan sempre a nosa actitude misericordiosa para ser mirados cos ollos do corazón.

Cristo, rostro da misericordia do Pai

“Xesucristo é o rostro da misericordia do Pai. O misterio da fe cristiá parece atopar a súa síntese nesta palabra. Ela volveuse viva, visible e alcanzou o seu culmen en Xesús de Nazaré. O Pai, “rico en misericordia” ( Ef 2,4), despois de revelar o seu nome a Moisés como  “Deus compasivo e misericordioso, lento á ira, e pródigo en amor e fidelidade” (Ex 34,6), non cesou de dar a coñecer en varios modos e en tantos momentos da historia a súa natureza divina. Na “plenitude do tempo” (Gál 4,4), cando todo estaba disposto segundo o seu plan de salvación, El enviou ao seu Fillo nado da Virxe María para revelarnos de maneira definitiva o seu amor. Quen o ve a El ve ao Pai (cfrJn 14,9).

Xesús de Nazaré coa súa palabra, cos seus xestos e con toda a súa persoa revela a misericordia de Deus”[1]. Non é difícil fascinarse ante a grandiosidade e beleza da creación, pero como afirmaba o papa emérito Bieito XVI, esta inmensidade e poder son superados aínda pola grandeza e beleza da misericordia[2]. Sen dúbida, a primeira é accesible a todos os ollos, e a segunda só aos do corazón. Os que máis de preto viven este misterio son aqueles homes e mulleres que experimentan a tenrura de Deus. Testemuñas veraces dela son para nós o leproso tocado por Jesús ( Mc 1,40-45), a muller sorprendida en adulterio ( Jn 8,3-10), o publicano cobrador de impostos (Mt 9,9), a muller que padecía fluxos de sangue (Lc 8,43-48) ou o paralítico ao que lle foron perdoados os seus pecados (Lc 5,24). Pedro deixándose lavar os pés comprendeu que o seu amor por Cristo non proviña de si mesmo (Xn 13,9); Pablo, presumindo ser buscador do Señor deixouse alcanzar por El (Flp 3,12-14). Todas estas experiencias que nos achega a Palabra de Deus son iconas vivas onde todos podemos contemplar e deixarnos facer por misericordia. O mesmo Xesús na cruz abre o seu corazón “desentrañándose” pola humanidade. “Cristo non só fala de misericordia e a explica usando semellanzas e parábolas, senón que ademais, e ante todo, el mesmo a encarna e personifica. El mesmo é, en certo sentido, a misericordia”[3]. Verdadeiramente cada pinga do Evanxeo contén o océano da misericordia! “O que movía a Xesús en todas as circunstancias non era senón a misericordia, coa cal lía o corazón dos seus interlocutores e respondía as súas necesidades máis reais”[4].

A misericordia, idioma universal,

A misericordia fala un idioma que é universal. Todos fomos testemuñas dela e a experimentamos ao longo da vida na tenrura e coidado que nos ofrecen os demais nas diferentes etapas da nosa vida e, sobre todo na experiencia da enfermidade. Tamén nós tocamos o bordo do manto de Xesús cando se nos conmoven as entrañas e ofrecemos a nosa man aos que sofren ou cando a compaixón dos demais cara á nosa fraxilidade achéganos o sol da misericordia divina. Teño presente a moitas relixiosas e relixiosos, a tantas nais de familia e a tantas outras persoas que nas súas casas atenden e coidan a enfermos. Como non facer referencia a médicos, enfermeiras, enfermeiros e persoal sanitario no delicado coidado dos enfermos nos hospitais! Compartindo a debilidade das persoas enfermas tállanse para si un corazón misericordioso. Neste sentido dinos o papa Francisco: “A misericordia de Deus non é unha idea abstracta, senón unha realidade concreta coa cal El revela o seu amor, que é como o dun pai ou unha nai que se conmoven no máis profundo das súas entrañas polo seu propio fillo. Vale dicir que se trata realmente dun amor “ visceral”. Provén en grao sumo íntimo como un sentimento profundo, natural, feito de tenrura e compaixón, de indulxencia e de perdón”[5].

María, nai de misericordia.

Miremos a María dicíndolle: “Volve a nós eses teus ollos misericordiosos”. María é nai de misericordia, tívoa no seu seo e sostívoa nos seus brazos; puido nacer dela, porque se fixo humilde serva da Palabra de Deus. A vós, queridos enfermos e enfermas, téñovos moi presentes na miña oración coa intercesión da Virxe María, saúde dos enfermos.

Saúdavos con todo afecto e bendí no Señor,

+ Julián Barrio Barrio,
Arzobispo de Santiago de Compostela.

 

[1] FRANCISCO, Bula Misericordiae vultus, 1.

[2] Cf. Bieito XVI, Audiencia xeneral. Mércores 1 de febreiro de 2006.

[3] San Xoán Paulo II, Carta encíclica “Dives in misericordia”, 2.

[4] FRANCISCO, Bula “Misericordiae vultus”, 8.

[5] FRANCISCO, Ibid., 6.