Carta Pastoral no Día do Seminario. Marzo 2021

Pai e irmán como San Xosé

Queridos diocesanos:

Este ano o Papa dedicouno a San Xosé. De maneira especial a súa solemnidade ha de ter un eco significativo na nosa celebración como tamén ao veneralo como Patrón da Igrexa e dos Seminarios, taller de formación para os futuros sacerdotes. O lema proposto para esta Xornada é “Pai e irmán como San Xosé”, pensando que os futuros presbíteros han de prepararse para vivir a paternidade apostólica e a fraternidade sacerdotal no ministerio, acompañando ás persoas que o Señor poña no seu camiño.

A paternidade apostólica de San Xosé

Seguindo a Carta apostólica do Papa Francisco Patris corde faise referencia a San Xosé como pai amado como así o mostra a tradición da Igrexa, pai na tenrura pois “pola angustia de San Xosé pasa a vontade de Deus, a súa historia, o seu proxecto” xa que “ter fe en Deus inclúe ademais que El pode actuar a través dos nosos medos, das nosas fraxilidades, da nosa debilidade”. Define o Papa a San Xosé como pai na obediencia e na acollida; pai da valentía creativa e traballador; pai na sombra pois sempre que alguén asume a responsabilidade da vida doutro, en certo xeito exercita a paternidade sobre el non como un exercicio de posesión senón evocando a paternidade de Deus Pai. A familia de Nazaret vivía en comuñón. Son claves para considerar o exercicio do ministerio sacerdotal no proceso formativo do seminarista, lembrándonos as palabra de San Pedro: “Coidade o rabaño de Deus, que está á vosa garda, mirade por el, non por pura obriga senón, como Deus quere, de boa gana; nin por baixos intereses de lucro senón porque vos agrada; nin dándovolas de señores dos que se vos encomendaron senón facéndovos exemplo para o rabaño” (1Pe 5,2-3). A vida de San Xosé converteuse nunha paternidade apostólica cunha vida entregada a Deus e aos irmáns. Podemos dicir que foi “unha vida agachada con Cristo en Deus” (Col 3,3) e “quen nisto serve a Cristo é agradable a Deus e considerado polos homes” (Rom 14,18).

A fraternidade na misión

Este estilo de paternidade conleva a vivencia da fraternidade ao tomar conciencia de que somos fillos de Deus e irmáns os uns dos outros sen excluír a ningún e sen límites xeográficos lembrando a palabras de Xesús: “Pero eu dígovos: amade aos vosos inimigos, e pregade polos que vos perseguen. Así seredes fillos do voso Pai que está no ceo,, que fai saír o sol sobre malos e bos, e chover sobre xustos e inxustos” (Mt 5,44-45). O sacerdote “escóllese sempre entre os homes, e se constitúe Sumo Sacerdote para o ben dos homes nas súas relacións con Deus; a fin de que ofreza oblacións e sacrificios polos pecados. É capaz de tratar con indulxencia os ignorantes e os descamiñados, porque tamén el está rodeado de fraquezas” (Heb 5, 1-2). Non está apartado dos homes, non caeu do ceo nin é un estraño senón ao contrario está chamado a vivir a fraternidade con todos, ofrecéndolles a riqueza do ministerio que recibiu. Cando administra o sacramento da penitencia, el mesmo sente necesitado deste sacramento. A fraternidade no exercicio do ministerio sacerdotal faise universal. “É preciso facernos irmáns dos homes se queremos ser os seus pastores, pais e mestres. Sendo pais e mestres xuntamente con todos os fieis somos discípulos do Señor, irmáns entre os irmáns”[1]. A existencia do presbítero defínese como un servizo, como “un don para os homes” en relación co absoluto, co eterno, con Deus. O presbítero non só está á fronte da Igrexa senón ante todo na Igrexa.

Exhortación final

Recemos constantemente polos chamados ao sacerdocio. E dentro das nosas posibilidades colaboremos economicamente para que os nosos Seminarios Maior e Menor teñan os medios necesarios e adecuados para ofrecer a mellor formación humana, intelectual, espiritual, comunitaria e pastoral a quen se prepara para recibir o ministerio sacerdotal. Poñémolos baixo o patrocinio do Apóstolo Santiago, de San Xosé e de María, Raíña dos Apóstolos.

Saúdavos con todo afecto e bendí no Señor

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

 

[1] Cf. PAULO VI, Ecclesiam suam, 39.