Carta pastoral para a Xornada do Domund 2022

Queridos diocesanos:

Cando Xesús sobe ao ceo dilles aos seus discípulos: “Recibiredes a forza do Espírito Santo que vai vir sobre vós e seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda Xudea e Samaría, e ata o confín da terra” (Feit 1,8). O don do Espírito Santo e o testemuño son a garantía da Igrexa na súa misión evanxelizadora. Cristo estará onde a súa Igrexa dea testemuño del e se entregue por el. Os Apóstolos comezaron a anunciar a Cristo, acontecemento que quen forma a comunidade cristiá deben coñecer poñendo a súa vida baixo esta nova luz que lle dá sentido. A universalidade da verdade de Cristo esixe que sexa anunciada.

O papa Francisco na súa Mensaxe para esta Xornada dinos que os tres fundamentos da vida e da acción misioneira son: “Para que sexades as miñas testemuñas”, “ata os confíns da terra” e “o Espírito Santo virá sobre vós e recibiredes a súa forza”. Somos chamados a ser misioneiros e testemuñas, conscientes de que a identidade da Igrexa é evanxelizar, anunciando a vida, morte e resurrección de Cristo por amor a Deus Pai e aos homes. Nestes tempos de incerteza, volvamos a Cristo, a Boa Noticia da salvación, con alegría e dando testemuño. San Paulo VI escribiu: “O home contemporáneo escoita máis a gusto aos que dan testemuño que aos que ensinan, ou se escoita aos que ensinan,  é porque dan testemuño” (EN 41). Por isto na evanxelización o exemplo de vida cristiá e o anuncio de Cristo van intimamente unidos, sendo fundamental a acción do Espírito Santo, coa súa forza e inspiración. “Recibir o gozo do Espírito Santo, escribía o papa Francisco, é unha graza. E é a única forza que podemos ter para predicar o Evanxeo, para confesar a fe no Señor” (Domund 2020).

A oración, “que é a primeira forma de misión, porque é o Espírito do Señor o que precede e permite as nosas boas obras: a primacía é sempre da súa graza” (cf. EG 223), na misión evanxelizadora ha de estar acompañada pola acción caritativa-social, xerando procesos de discernimento cristián sobre as condicións das pobrezas materiais e espirituais, e sobre os anhelos e reivindicacións dos pobres, alentando o espírito de caridade, proxectándonos cara á sociedade co anuncio e os xestos proféticos, como luz posta no candeeiro, e tratando de vivir un amor activo e concreto con cada ser humano. “Non debe esquecerse, certamente, que ninguén debe quedar excluído do noso amor, desde o momento que coa Encarnación do Fillo de Deus uniuse en certo xeito a cada home… É a hora dunha nova imaxinación que promova non tanto e non só a eficacia das axudas prestadas, senón a capacidade de facerse próximos e solidarios con quen sofre, para que o xesto de axuda sexa sentido non como esmola humillante, senón como un compartir fraterno” (NMI 49-50). O amor aos pobres é evanxeo que acolle, abraza, e libera. Neste senso, a acción caritativa conéctase coas esperanzas históricas da humanidade, e coas experiencias orixinarias da fe porque derivan dunha iniciativa de revelación e redención divinas. Habemos de percibir a ampla dimensión do compromiso caritativo no anuncio da obra salvadora e liberadora de Xesús. O pobre interpélanos, debe ser evanxelizado e axúdanos a evanxelizarnos. Non o podemos tratar de memoria nin por computador. A comunidade cristiá ten o deber e a responsabilidade de ser o suxeito da acción socio-caritativa, “que sen deixar de gozarse coas iniciativas dos demais, reivindica para si as obras de caridade como deber e dereito propio que non pode allear” (AA 8).

Tamén necesitamos coñecer mellor a Sagrada Escritura como Palabra de Deus para anunciar a Xesucristo con obras e palabras na vida cotiá[1]. O ministerio da Palabra “ten como misión iluminar, dar sentido, mostrar o verdadeiro significado dos acontecementos. Só as Escrituras nos descobren a mirada e os designios de Deus e só desde elas o home pode situarse ante a vida como un crente. Pola contra permanece cego, na escuridade… A luz non é para ser contemplada ela mesma, senón para poder ver a realidade sobre a que se proxecta. A lámpada colócase sobre o candeeiro non para ser vista, senón para que vexan os que habitan a casa (Mt 5,15)”[2]. Trátase de coñecer o senso da vida a través da Palabra de Deus.

Pidamos á Virxe María, en quen a Palabra se fixo carne, e ao Apóstolo Santiago que derramou o seu sangue polo anuncio do Evanxeo, intercedan ante o Señor para que fortaleza a todos os misioneiros e misioneiras no seu labor misioneiro que necesita tamén da nosa xenerosa axuda económica.

+Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

 

[1] Cf. CEE, A nova evanxelización desde a Palabra de Deus: “Pola túa Palabra votarei as redes” (Lc 5,5). Plan Pastoral 2011-2015, Madrid 2012.

[2] F. ECHEVARRÍA, O camiño, o pozo e a fatiga. Claves bíblicas para unha nova evaxelización, Madrid 1991, 52-53.