Carta Pastoral Vida Contemplativa. 30 de maio de 2021

A vida contemplativa, preto de Deus e da dor do mundo

Queridas Membros de Vida Contemplativa:

O tempo pascual chegou liturxicamente ao seu fin. Non así a paz e a alegría que ateigaron os corazóns das primeiras testemuñas da resurrección de Xesús. Paz e alegría destinadas a permanecer para sempre nos resucitados con Cristo. Pero tamén é certo que dons tan grandes, recibidos pola fe na resurrección do Señor, seguen sendo para nós unha aspiración non ateigada, unha certeza ganduxada con limitacións, unha experiencia entretexida de angustias e tristezas, de alegrías e esperanzas. Os discípulos de Xesús, vivimos sempre entre un «xa», pola salvación que xa vimos realizada nel, e un «aínda non», polo que aínda esperamos ver cumprido. Polo que xa coñecemos cumprido, somos “raza elixida, sacerdocio de reis, nación santa, pobo adquirido por Deus, para pregoar as marabilla daquel que vos chamou das tebras á súa luz admirable” (1Pe 2,9). Polo que aínda esperamos ver, continuamos sendo “forasteiros e emigrantes” (1Pe 2,11), lonxe aínda da patria soñada. O xa cumprido déixanos dentro de Deus. O aínda esperado déixanos preto da dor do mundo.

Preto de Deus.

Por vocación, a vida consagrada contemplativa busca a “vida agachada con Cristo en Deus” (Col 3,3) como di San Paulo. Na intimidade, no silencio e na soidade é onde se fragua o profundo, o verdadeiro. “A vida espiritual non é unha teoría nin unha abstracción. Non é un momento virtual, nin unha proxección imaxinada. Non é máis que unha experiencia, atención e inmersión”[1].

Xesús retirábase a lugares solitarios para orar. Na vida de Xesús percíbese que a oración é condición necesaria para o discernimento e o cumprimento da vontade do Pai: “por aqueles días foi  orar ao monte, e pasou a noite orando a Deus” (Lc 6,12). Mesmo cando oraba en presenza dos seus discípulos, oraba só (cf. Lc 9,18), que é algo así como quedar a soas co Pai e tratar con el canto incumbe ao reino de Deus e a súa xustiza. E é no secreto da oración onde aos discípulos, escollidos para aquela contemplación, se lles permite entrar no misterio da transfiguración de Xesús (cf. Lc 9,28-36). Os mesmos apóstolos que foron testemuñas da súa oración e da súa luz no monte da transfiguración, foron testemuñas da oración e da amargura da noite no monte das Oliveiras (cf. Lc 22,39-46). E o que vivira orando, morreu orando. E o que vivira dentro de Deus, morreu dentro de Deus: “Meu Pai! Nas túas mans entrego o meu espírito” (Lc 23,46).

A oración devolve a Deus todo o que de Deus recibimos. Na oración asomámonos ao misterio do que o apóstolo Pedro quixo expresar cando dixo: “Señor, que ben estamos aquí!” (Mt 17,4). Para estar alí onde é bo estar, será necesario subir con Xesús ao monte das benaventuranzas, ao da transfiguración, e ao da crucifixión. Para estar alí onde é bo estar, será necesario subir con Xesús ao monte no que Deus Pai nos revela os seus mandatos e decretos, a lei que escribiu no corazón dos fieis, o amor con que sempre nos amou. Para estar alí onde é bo estar, será necesario subir con Xesús ao monte que é o mesmo Xesús, ata transformarnos nel. É necesario subir, deixar o chairo, o seguro, o coñecido e ir cara arriba, á soidade que nos leva á fonte. Certo, toda subida implica esforzo, pero ao mesmo tempo fai posible que teñamos mellor visibilidade, avistemos horizontes máis amplos e respiremos mellor. A aqueles discípulos que Xesús leva consigo ao monte da transfiguración, permíteselles ver algo oculto e inaccesible. A luz de Deus que os envolve, esa mesma luz iluminaraos unha vez que descendan á chaira, e a través deles, farase presente “no corazón mesmo da Igrexa e do mundo”, debido a que nada hai verdadeiramente humano que non atope eco no corazón dunha vida verdadeiramente contemplativa.

E preto da dor humana

Se amamos a Deus, abrazamos ás súas criaturas que son expresión do seu amor. Non se entende unha espiritualidade de ollos abertos que non abrace a creación enteira, que “vén xemendo ata hoxe  e coma con dores de parto. E non só isto, senón que nós mesmos, que temos as primicias do Espírito, xememos dentro de nós, degorando pola filiación, pola liberación do noso corpo” (Rm 8,22-23). Unha contemplativa, un contemplativo de ollos abertos, son unha declaración de amor á vida e un compromiso para asumir “a humanidade máis fonda, manifestando que a tenrura de Deus non ten límites, como non os ten a súa dor polo sufrimento dos seus fillos”[2]. O feito de que “a vida consagrada é unha historia de amor apaixonado polo Señor e pola humanidade” conleva que, na vida contemplativa, esa relación “non pode vivirse como repregamento” entre os muros do propio eu ou da propia comunidade, senón que se ha de vivir abrazando a toda a humanidade, “e en especial a aquela que sofre”[3]. Pola súa natureza, o amor apártanos de nós mesmos para que nos entreguemos a quen amamos. Nós en Cristo apartámonos de nós mesmos para entregarnos a Deus e aos irmáns, sobre todos aos pobres. Sexa que o consideremos en Cristo Xesús, sexa que o consideremos en nós, o don consiste na entrega da propia vida, e esa consúmase na entrega extrema da cruz. O noso é sentir con Xesús a dor do mundo, loitar con El contra o mal que aflixe aos desvalidos, deixar bo olor de Deus en todas as vidas, ser memoria obstinada do amor que a todos nos envolve.

Como Xesús

Unha maneira concreta de facer visible o noso “sentir-con” e de solidarizarnos coa “humanidade máis fonda”, vén sinalada na mesma Constitución Vultum Dei quaerere ao falar da oración de intercesión, da que se di que é unha forma de levar ante o Señor os nosos irmáns, como fixeron aqueles catro co paralítico, e de achegarlles ao Señor a súa vida. “Pola vosa oración vós curades as chagas de tantos irmáns[4]. Logo engade: “Este texto –en referencia á oración de Moisés en Ex 17,11- paréceme unha imaxe moi expresiva da forza e da eficacia da vosa oración a favor de toda a humanidade e da Igrexa, e en particular dos seus membros máis débiles e necesitados”[5]. O Papa Francisco pídenos proximidade, facernos cargo da realidade dos demais en actitude de profunda comprensión e solidariedade: “Homes e mulleres consagrados […] para achegarse e entender a vida, os sufrimentos, os problemas, as moitas cousas que soamente se entenden se un home e unha muller consagrados se fan próximos… –incluso sendo de clausura-. Pensen en Santa Tareixa do Neno Xesús, patroa das misións, que co seu corazón ardente era próxima á xente”[6].

“Buscades a Xesús, Nazareno, o crucificado… El vai diante de vós a Galilea” (Mc 16,6-7). “Ir a Galilea, comentaba o Papa na homilía da Vixilia Pascual, significa tamén, ir aos confíns”. “É alí onde o Resucitado pide aos seus seguidores que vaian, tamén hoxe nos pide ir a Galilea, nesta Galilea real. É o lugar da vida cotiá… En Galilea aprendemos que podemos atopar a Cristo resucitado nos rostros dos nosos irmáns, no entusiasmo dos que soñan e na resignación dos que están desanimados, nos sorrisos dos que se alegran e nas bágoas dos que sofren… Recoñezámolo presente nas nosas Galileas, na vida de todos os días. Con El, a vida cambiará. Porque máis aló de toda derrota, maldade e violencia, máis aló de todo sufrimento e máis aló da morte, o Resucitado vive e o Resucitado goberna a historia”[7].

Uníndome á vosa oración e dando grazas a Deus pola vosa presenza benéfica na Diocese, saúdavos con afecto e bendí no Señor.

+ Julián Barrio Barrio,
Arcebispo de Santiago de Compostela.

 

[1] J. TOLENTINO, A mística do instante, 138.

[2] Cf. Anunciade. Aos consagrados e consagradas testemuñas do Evanxeo entre as xentes, Civcsva, 2016, nº 74.

[3] Vultum Dei quaerere, 16.

[4] Ibid.

[5] Ibid., 17.

[6] FRANCISCO, Discurso aos participantes no Xubileo da Vida Consagrada, Roma 1 de febrero de 2016.

[7] Homilía do Papa Francisco na Vixilia Pascual, 2021.