A Igrexa en todo o mundo camiña xunto aos máis vulnerables, xunto a aqueles en quen atopa a Cristo Resucitado. Como nos lembra o Papa Francisco, o encontro co migrante, como con cada irmán e irmá necesitados, é tamén un encontro con Cristo. Díxonolo El mesmo. É El quen chama á nosa porta famento, sedento, forasteiro, espido, enfermo e encarcerado, pedindo que o atopemos e axudemos. O xuízo final narrado por Mateo no capítulo 25 do seu Evanxeo non deixa lugar a dúbidas.
Nestes tempos convulsos, nos que se utiliza os migrantes e refuxiados como arma política arreboladiza, tempo de polarizacións e manipulacións informativas, a Igrexa convídanos a construír pontes, a xerar esa cultura da vida á que nos convocaba san Xoán Paulo II, esa cultura do encontro.
A Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado lémbranolo unha vez máis. Como sabedes, celebrarase o vindeiro domingo 29 de setembro. A celebración diocesana, presidida polo Sr. Arcebispo, terá lugar na coruñesa parroquia de Santo Antonio, situada nunha barriada cunha amplísima presenza de migrantes. Será ás 20:00 horas. Quedades todos cordialmente convidados. Unha invitación especial para aqueles sacerdotes provenientes doutras latitudes e que agora prestan o seu servizo na nosa Arquidiocese.