Na Eucaristía da tarde deste domingo 1 de outubro, presidida polo Arcebispo de Santiago, mons. Francisco José Prieto Fernández, tivo lugar o rito do Envío dos voluntarios de Cáritas de Vilagarcía.
Os voluntarios da caridade foron presentados á comunidade parroquial, profesado a fe ante os fieis congregados, e despois fixeron público compromiso de realizar a súa tarefa con fidelidade, coa axuda de Deus.
Á celebración asistiron tamén sacerdotes de parroquias limítrofes, Anuncio Mouriño, director de Cáritas diocesana de Compostela, e numerosos fregueses.
O pasado 20 de setembro, o arcebispo bendixo as novas instalacións de Cáritas en Vilagarcía de Arousa, que contan con departamento de atención primaria, comedor social, despachos e aula polivalente de formación e reunións.