A Delegación de Pastoral Familiar da arquidiocese de Santiago de Compostela convida a todos os diocesanos a participar, a partir deste luns 14 de febreiro, no “Retiro na casa” proposto desde a app MatrimONio, que se pode descargar no teléfono móbil ou no computador dende a dirección appmatrimonio.es.
Unha vez descargada a aplicación, poderanse recibir os materiais para participar no retiro, que se desenvolverá desde o luns 14 ata o domingo 20 deste mes de febreiro. Desde a organización do retiro en liña, a Subcomisión para a Familia e a Defensa da Vida da Conferencia Episcopal, iranse colgando os materiais día a día, ata completar a semana. Pero se por calquera circunstancia non fose posible seguir o retiro na semana dedicada ao matrimonio, todas as achegas seguirán activadas na app para que se poidan utilizar en calquera momento.
O retiro na casa A app ofrece oito cartafoles con múltiples iniciativas para vivir o matrimonio con máis intensidade. No retiro na casa aparecen as ligazóns aos sete días que durará a experiencia. Como sucede nun retiro convencional, os participantes non coñecerán os materiais con anterioridade, de modo que só aparecerán na app os relativos ao día correspondente.
Cada xornada terá catro partes: unha meditación a través dun vídeo, unha oración, un testemuño e unha tarefa ou “deberes” para que o matrimonio ou a parella de noivos participante reforce os beneficios do retiro.
Nova web
Ademais, tamén a partir do luns 14 de febreiro, estará dispoñible unha nova páxina web creada ex profeso para esta semana do Matrimonio: matrimonioesmas.org. A través dela poderase acceder a todos os recursos realizados para a súa difusión nas redes sociais.
A Semana do Matrimonio quere ser unha auténtica campaña vocacional ao matrimonio e demostra con toda claridade a implicación da Conferencia Episcopal Española na promoción e e apoio decidido ao laicado.
A presente campaña enmárcase no Ano Familia Amoris laetitia convocado polo papa Francisco o pasado 19 de marzo coincidindo co quinto aniversario da publicación da exhortación apostólica e que finalizará coa celebración do X Encontro Mundial das Familias en Roma, do 22 ao 26 de xuño de 2022.