Comunicado do Arcebispado de Santiago de Compostela polo afundimento do barco Vila de Pitanxo

Unha vez máis, a traxedia visitou a nosa terra, o pesqueiro Vila de Pitanxo, con base en Marín (Pontevedra), afundiuse en augas de Terranova (Canadá), sobre as 6 da mañá, hora española, tal e como rexistrou a baliza do barco, cunha tripulación de 24 persoas (de nacionalidade española, peruana e ganesa).

Encomendamos ao bo Pai Deus e á súa gran misericordia as vidas destes fillos que pagaron coa súa vida o duro exercicio da nobre profesión das xentes do mar, á vez que damos grazas a Deus polos que sobreviviron.

Un novo sufrimento en tempos de crises embaza as nosas vidas e a nosa mirada, crávase de novo no Crucificado, como en moitos outros momentos das difíciles encrucilladas da vida, pedimos consolo e a forza que tivo o Crucificado, para todas as familias dos náufragos, para que se recuperen da súa dor inmensa, que hoxe a facemos tamén nosa.

Todos, saberemos responder solidariamente as familias dos afectados. Para eles, pedimos a xenerosidade de todas as axudas sociais pertinentes. Á vulnerabilidade das xentes do mar, debe ser máis atenta a solicitude da Igrexa e da sociedade no seu conxunto, para salvagardar todos os seus dereitos.

Que toda a xente do mar, sexamos capaces de unir as nosas forzas, para transmitir aos afectados e á familia mariñeira o agarimo e a proximidade de Xesucristo e da súa Igrexa. Hoxe lembramos de novo unha estrofa da Salve Mariñeira, como oración dirixida á estrela dos mares: “do teu pobo, aos pesares, a túa clemencia dea consolo. Fervoroso chegue ao ceo, e ata Ti, e ata Ti, o noso clamor”.

Mons. Julián Barrio                                                                            Mons. Francisco Prieto
Arcebispo de Santiago de Compostela                                           Bispo auxiliar de Santiago de Compostela