Comunicado do Arcebispado de Santiago de Compostela

Ante as informacións difundidas nalgúns medios de comunicación, o Arcebispado de Santiago de Compostela vese na obrigación de realizar as seguintes consideracións:

1.- O sacerdote de Caamaño, D. Carlos Xulio Cárdenas Torres, viu impedida a súa actuación en dita parroquia neste momento. O último exemplo diso foi a colocación de senllas cadeas con cadeados nas dúas portas do templo.

2.- Tras denunciar estes feitos, para que se proceda á súa investigación policial, e á espera de coñecer a quen corresponde a responsabilidade deste e doutros comportamentos violentos, o Arcebispado confía en recuperar un clima de serenidade na parroquia, contando para iso coa implicación dos fregueses interesados en normalizar a situación.

3.- A Vicaría Territorial de Santiago deu resposta no seu día ás supostas queixas presentadas por un grupo reducido de veciños.

4.- O Arcebispado invita a todos a reflexionar sobre a necesidade de restaurar un verdadeiro clima de comuñón eclesial, respectando as funcións e competencias de cada un e sen excluír a ninguén. O diálogo será o instrumento para conseguilo.

5.- O Arcebispado reclama tamén que as redes sociais non se convertan en escenario de desencontro ou descalificacións persoais.