Hoxe xoves, ás 15:30h, deu comezo en Santiago de Compostela a Reunión Conxunta das Seccións de Mocidade das Conferencias Episcopais Europeas, que baixo o lema “Mocidades fortes e alegres na Esperanza. Testemuñas de Cristo hoxe en Europa”, diversas seccións de pastoral xuvenil reúnense, ata o domingo 22 de setembro, para reflexionar sobre o papel dos mozos na Igrexa europea actual.
A Xornada iniciouse cos saúdos de S.E. Mons. Gintaras Grušas, Presidente CCEE; S.E. Mons. Francisco José Prieto Fernández, Arcebispo Metropolitano de Santiago de Compostela; e S.E. Mons. Claudio Giuliodori, Presidente Comisión de Mocidade CCEE.
O arcebispo de Santiago destacou que “o noso tempo é un tempo de discernimento, que nos convida a valorar o esencial e a construír sobre iso; é, polo tanto, un tempo de desafíos e de oportunidades”.
Posteriormente, tivo lugar a I sesión de traballo a cargo de S. E. Mons. Giovanni Cesar Pagazzi, Secretario do Dicasterio para a Cultura e a Educación, e os testemuños da mocidade sobre a JMJ e o Sínodo e presentación de experiencias.
Durante este encontro, debaterase sobre o papel da mocidade en relación cos próximos xubileus, que se celebrarán en 2025 en Roma e en 2027 en Santiago de Compostela.