Don Julián afirma no Santuario de Pastoriza que “a devoción á Virxe alenta a alma sinxela e xenerosa”

O arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Julián Barrio, presidiu esta mañá a Misa Solemne en honra á Santísima Virxe de Pastoriza, Patroa desta Parroquia. Ao longo deste mes de outubro viñéronse celebrando con especial devoción Misas, Rosarios e oracións marianas. O de hoxe foi o broche de ouro destes actos relixiosos.
Na homilía, monseñor Barrio lembrou a importancia de que o verdadeiro sentido da vida para un cristián é atoparse con Cristo a través da súa Nai, María.
“Todos temos moito que agradecer á nosa Nai. A devoción á Virxe María alenta a alma sinxela e xenerosa”, afirmou o arcebispo compostelán.
Tamén lembrou mons. Barrio que “María é fonte do zume que fai florecer e frutificar a nosa existencia para non perdernos no anonimato”. E engadiu que “perder o sentido de Deus e, neste caso, perder a nosa devoción a Santa María fai que nos diluamos na nosa sociedade sen saber quen son e onde imos”
Sinalou, ademais, que “María estivo chea de graza porque se baleirou de si mesma. Con ela descubrimos as raíces da nosa autentica relixiosidade que habemos de vivir desde a sintonía coa Igrexa e desde a solidariedade”.

O calendario de actos relixiosos da xornada de hoxe completábano o rezo do Rosario ás 8 da mañá na Virxe da Pedra para continuar cunha Misa cada hora: 9, 10, 11 e 12 da mañá antes da misa solemne das 13:00 horas coa presidencia do arcebispo e a tradicional procesión ao redor do Santuario. E xa pola tarde ás 5, 6 e 7.

O documento máis antigo no que aparece citado o nome de Pastoriza, é unha doazón de San Rosendo (século X), en que fala da Vila e igrexa de Pastoriza, en terra de Faro. Pero nestes territorios asentáronse os suevos aproximadamente sobre o século V. Algunhas crónicas contan a conversión do Rey Requiario ao catolicismo, no ano 448, e que mandaría edificar un pequeno templo, hoxe convertido no Santuario de Pastoriza.