Don Julián asiste en Madrid á Permanente da Conferencia Episcopal Española

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, asistirá mañá e o mércores á reunión que a Comisión Permanente da Conferencia Episcopal Española (CEE) celebrará na Casa da Igrexa, en Madrid.

Durante estes dous días os bispos traballarán sobre os seguintes temas:

– Posta en marcha do Itinerario do próximo Sínodo dos Bispos sobre o tema: “Por unha Igrexa sinodal: comuñón, participación e misión”.

– Información sobre a reunión mantida coas oficinas diocesanas ou provinciais de denuncias de abusos a menores.

– Revisión dos Regulamentos da Conferencia Episcopal Española.

– Estudo da actualización do documento “Normas básicas para a formación dos diáconos permanentes nas dioceses españolas”.

– Preparación da visita ad limina apostolorum dos bispos españois.

– Proxecto de estrutura e funcionamento do Comité de Estudos e Proxectos da CEE.

Os bispos da Comisión Permanente recibirán información sobre o Ano “Familia Amoris Laetitia”; a peregrinación a Santiago de Compostela con motivo do Ano Xubilar Compostelán; e o estado actual de Ábside (TRECE e COPE).

A orde do día inclúe tamén a aprobación do temario da próxima Asemblea Plenaria que será do 15 ao 19 de novembro. Os bispos tratarán sobre temas económicos e dialogarán sobre diversos asuntos de seguimento e aprobación de acordos.