Don Julián preside a bendición da Madre Almudena como nova abadesa do Mosteiro de Beneditinas de San Paio de Antealtares

O arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, presidiu este venres a Eucaristía na que  bendiciu a Madre Almudena como nova abadesa do mosteiro de beneditinas de San Paio de Antealtares, servizo no que substitúe á Madre María Blanca. Na súa homilía, o arcebispo lembrou a san Bieito, de quen dixo que representaba a parábola do home que descobre un tesouro escondido: “Hoxe ese campo, Madre Almudena, é tamén a Comunidade á que fuches chamada a servir como Abadesa”. Monseñor Barrio aludiu, ademais, a santa Escolástica “guía e clave para interpretar a melodía espiritual da vosa consagración monástica” e agradeceu á comunidade beneditina a súa resposta á vocación: “Como non agradecervos que na historia afirmásedes coa vosa espiritualidade a transcendencia e a esperanza para un futuro sempre novo!”.

Ademais, en alusión ás lecturas propias da festa da Transfiguración, don Julián comentou que os apóstolos presentes nesa manifestación da gloria divina “non debían facer da fe un refuxio consolador nin converter a oración nun remanso intimista” e engadiu que “o Señor os convida a baixar á chaira onde ás veces se respira con dificultade para construír a cidade de Deus no medio da dos homes, asumindo os duros traballos do Evanxeo”.

Nese senso, o arcebispo explicou que “a nosa vida de crentes discorre na proba; a dor acompáñanos; o horizonte da promesa da fe ás veces parece afastado. Aparentemente nada parece cambiar”, pero indicou tamén que “o final do camiño da cruz, difícil de entender, é a resurrección. Na proba de fe brilla o evanxeo da transfiguración como garantía certa de vitoria”.

Monseñor Barrio pediu, igualmente, revitalizar “o humanismo cristián que dea sentido pleno á vida do home, que, acosado pola sede de Deus, busca a montaña do espírito no medio do deserto da inmanencia. Non esquezamos que dependemos de Cristo. O froito non está nunca nas nosas mans, aínda que recibimos do Señor todo porque nos fixo comprender que significa amar. O cristianismo é o gran acontecemento que nace dun encontro con Cristo e suscita o noso testemuño, sendo conscientes de ser amados sen facer nada para merecelo”.