Don Julián presidiu esta tarde na Catedral o Funeral polo vigairo xeral, Víctor Maroño

  • “Amaba profundamente á diocese á que serviu con gran xenerosidade e fidelidade”, dixo o arcebispo

Monseñor Julián Barrio, arcebispo de Santiago, presidiu esta tarde a Solemne Misa Funeral polo eterno descanso de don Víctor Maroño, vigairo xeral da Arquidiocese compostelá e cóengo doutoral da Catedral. “Amaba profundamente a Diocese á que serviu con gran xenerosidade e fidelidade”, dixo D. Julián nunha sentida homilía referíndose ao sacerdote falecido. “A súa fondura humana, a súa capacidade de discernimento e a súa preparación levárono a comprender a realidade que lle tocou vivir, poñendo os seus talentos ao servizo da fe e do exercicio das tarefas pastorais, como xeneroso servidor do Evanxeo e da Igrexa”, engadiu o arcebispo. O funeral “corpore insepulto” contou coa presenza da familia do falecido e congregou un centenar de sacerdotes. Concelebraron co arcebispo o seu bispo auxiliar, monseñor Francisco José Prieto; o bispo de Tui-Vigo, monseñor Luís Quinteiro; o bispo de Astorga, monseñor Jesús Fernández; e Antonio Maroño irmán relixioso do vigairo falecido.

Ao comezo da Santa Misa acendeuse o Cirio Pascual, símbolo da Resurrección, e durante a celebración o féretro estivo recuberto pola casulla, sobre a que se depositaron os Santos Evanxeos. Ao acabar o funeral, o corpo de don Víctor Maroño recibiu sepultura no Claustro da Catedral.

Tamén se uniron ás exequias numerosos diocesanos pois, como afirmou o arcebispo, “don Víctor home de afectos silenciosos e entrañables, presenza viva no armazón da diocese, foi unha persoa moi querida. Queriámolo e queríanos. Foron moitas as horas dedicadas en silencio laborioso aos diocesanos que atoparon nel a luz orientadora do seu consello lonxe da actitude funcionarial do programador intelixente”.

Monseñor Barrio dixo do falecido que “era consciente de que a virtude fai a un feliz nesta vida e lembrado na morte” e asegurou que “nos queda o recordo da súa condición de servidor fiel e solícito nas responsabilidades de goberno e nos seus traballos pastorais nas parroquias”.

Don Julián lembrou o “longo e rico historial” de don Víctor Maroño “ao servizo incondicional da Diocese, actuando sempre con sobriedade e sendo preciso e certeiro nas súas apreciacións, lonxe de protagonismos estériles” e indicou que o vigairo xeral falecido “sabía que o ruído non fai ben e o ben non fai ruído”.

A súa morte, explicou o arcebispo, “é unha perda dolorosa para a súa familia e a comunidade diocesana. Vivímola con dor, con fe e en providencia de Deus”, para engadir que “dou grazas a Deus polo don deste sacerdote benemérito. A graza que Deus lle transmitiu polo seu ministerio sacerdotal, pedimos que se faga fecunda nel para plenitude da súa persoa, e para santificación última. Deixamos con paz e con esperanza o destino do noso querido irmán nas mans bondadosas e divinas do Pai que perdoa todas as nosas culpas, cura as nosas enfermidades, rescata a nosa vida da fosa e atéiganos de graza e de tenrura”.

Monseñor Barrio tivo palabras de agarimo cara á familia de don Víctor Maroño, “que tan próximos estivestes sempre a el”, así como a “os que lle axudastes na realización do seu ministerio sacerdotal e aos que estades participando nestas exequias”. Tamén fixo partícipes aos presentes no funeral das condolencias recibidas por “moitas persoas”, entre elas D. Antonio María Rouco, D. Ricardo Blázquez, D. José Diéguez e D. Leonardo Lemos. Entre os fieis presentes achábase o arcebispo emérito de Tánxer, monseñor Santiago Agrelo. Tamén acudiron á catedral o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o rexedor de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo.