"É preciso vivir con paixón a identidade cristiá, configurando o perfil do futuro pastor conforme a Cristo”

O arcebispo de Santiago, mons. Julián Barrio, presidiu este luns 19 de decembro, a solemne Eucaristía na que dous seminaristas foron admitidos como candidatos oficiais para recibir a Sagrada Orde do Diaconado e Presbiterado: Moisés Castro e Ange Patrick Ogou.

O arcebispo díxolles na súa homilía que “a chamada do Señor conleva a renuncia profunda ao que non é cristián, para seguilo e ser fielmente as súas testemuñas e colaboradores na obra da redención”. E engadiu: “É preciso vivir con paixón a identidade cristiá, configurando o perfil do futuro pastor conforme a Cristo”.

Nesta celebración, mons. Barrio deu grazas a Deus “porque o seu amor e a súa misericordia maniféstanse na decisión xenerosa destes candidatos que acolleron a chamada ao ministerio sacerdotal, ofrecendo a súa dispoñibilidade para estar co Señor e ser enviados a predicar”.

Na cerimonia, que tivo lugar na Capela do Seminario Maior de San Martiño Pinario, estiveron presentes o bispo auxiliar mons. Francisco Prieto, os formadores do Seminario, sacerdotes, así como seminaristas e un nutrido grupo de familiares e amigos, que arrouparon aos candidatos nesta xornada tan especial.