- Francisco Prieto inaugurou o 25º Encontro do Grupo de Diálogo Intercultural e Relixioso do Partido Popular Europeo que reúne líderes cristiáns, musulmáns e xudeus
A cidade de Santiago de Compostela está a acoller, desde onte, domingo, e ata este martes, o 25º Encontro do Grupo de Diálogo Intercultural e Relixioso do Partido Popular Europeo. Reúnense na cidade galega líderes relixiosos, cristiáns, musulmáns e xudeus para reflexionar sobre o papel das relixións no actual contexto sociopolítico.
O evento comezou este domingo coa benvida da vicepresidenta do Grupo, Dolors Montserrat, e esta mañá tivo lugar a intervención de Francisco José Prieto, arcebispo de Santiago de Compostela.
‘Diálogo, cultura e relixión‘. Estes foron os tres piares do discurso do arcebispo de Santiago que subliñou que “as relixións contribuíron ao progreso da cultura e á edificación dunha sociedade máis humana”: “A relixión incultúrase e a cultura faise terreo fértil para unha humanidade máis rica e que estea á altura da súa específica e íntima vocación de apertura aos demais e a Deus”.
“A relixión ofrécese en xeral como resposta de sentido ás preguntas fundamental do home e a muller […] esta esixencia pon necesariamente as relixións non só en diálogo entre si, senón tamén coas distintas formas de interpretación atea ou non relixiosa da persoa humana e da historia, que han de confrontarse coas mesmas preguntas sobre o sentido”, afirmou Prieto.
O arcebispo advertiu que o avance do “proceso de secularización na sociedade occidental” podería producir “unha forte marxinación da experiencia relixiosa”: “Asístese hoxe a un tácito descarte da cuestión antropolóxica, ou sexa, da cuestión relativa á plena dignidade e ao destino do ser humano. Ábrese paso así a pretensión de arrincar totalmente da cultura calquera expresión relixiosa. Con iso, pérdese a conciencia do valor precioso da dimensión relixiosa en orde a un frutífero e incitante diálogo intercultural”.
En todo caso, a relixión representa “unha decisiva achega á construción da comunidade social, no respecto do ben común e na procura da promoción de todo ser humano. Quen detentan o poder político están, por tanto, chamados a un efectivo discernimento das posibilidades de liberación e de inclusión universal que toda cultura e toda relixión manifestan e realizan. Un criterio importante para esa valoración resulta ser a efectiva capacidade que estas posúen para valorar todo o home e todos os homes”.
Ademais, Francisco Prieto subliñou que a globalización aumentou “ a interdependencia dos pobos, coas súas diferentes tradicións e relixións. A este respecto, non falta quen afirma que as diferenzas son necesariamente causa de división e, polo tanto, ao máximo, poden ser toleradas; mentres que outros chegan a soster que as relixións, simplemente, deben ser reducidas ao silencio”.
A este respecto, segundo o arcebispo de Santiago, “a Igrexa católica sente como vai sendo cada vez máis importante a necesidade dun diálogo que, a partir da conciencia da identidade da propia fe, poida axudar as persoas a entrar en contacto coas otras relixións”.
E continuou: “O motivo do diálogo con persoas e comunidades doutras relixións radica no feito de que todos somos criaturas de Deus, que actúa en toda persoa humana, que, a través da razón, percibe o misterio de Deus e recoñece os valores universais”.
As modalidades do diálogo entre os crentes poden ser varias e diversas: hai un “diálogo da vida, das obras, teolóxico e da experiencia relixiosa”. Un diálogo que, para o arcebispo de Santiago, “non é un acordo, senón un espazo para o testemuño recíproco entre crentes que pertencen a relixións distintas, para coñecer máis e mellor a relixión do outro e os comportamentos éticos que esta conleva”.
Francisco Prieto tamén abordou o tema da educación relixiosa nos colexios e institutos: “Todos os nenos e os mozos, deben ter a mesma posibilidade de acceder ao coñecemento da relixión propia e dos elementos que caracterizan ás outras relixións. O coñecemento doutros modos de pensar e de crer disipa os medos e enriquece a todos cos modos de pensar do outro e coas súas tradicións espirituais”.
Fonte: Cope