O arcebispo insta á mocidade a mirar con confianza o futuro e encarar a vida

A praza do Obradoiro acolleu onte o acto de inauguración da Peregrinación Europea da Mocidade, un acontecemento que congrega na cidade ata o vindeiro domingo a doce mil mozos e mozas chegados de diferentes países do Vello Continente con motivo do Ano Santo compostelán. Ante unha praza ateigada de almas, o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, foi o encargado de dar a benvida aos participantes neste multitudinario encontro. Cardeais, arcebispos e bispos tamén acompañan á mocidade cristiá nestas xornadas xubilares, nas que o papa Francisco estará representado polo cardeal António dos Santos Marto, legado apostólico.
“Chegastes co desexo de atoparvos da man do Apóstolo Santiago con Cristo. El é o verdadeiro manancial que mantén vivos os vosos proxectos e os vosos ideais e vos chama a acender estrelas na noite doutros mozos”, sinalou o arcebispo no seu saúdo, que comezou cuns minutos de atraso debido a que o forte vento afectou á estabilidade do escenario que se instalou na praza (chegando a mover algunhas partes), polo que se trasladou á escalinata.
Monseñor Barrio manifestou que “no Pórtico da Gloria estes días falouse moito de vós. O Apóstolo Santiago foi o portavoz das vosas inquietudes e esperanzas, mentres viñades peregrinando. Hoxe abrímosvos as portas da Casa do amigo do Señor e do noso corazón”. Ante miles de mozos cristiáns, o prelado compostelán quixo lembrar que “neste ano Santo compostelán queredes participar da misericordia de Deus Pai. Traedes a vosa ofrenda de acción de grazas e de súplica, a vosa persoal e a de toda a mocidade de España, de Europa e doutros continentes. Como non ter presentes a mocidade de Ucraína e doutros países en guerra! Unímonos a eles coa oración e o noso aplauso”.
Así mesmo, remarcou que “desde a vosa dispoñibilidade e xenerosidade Xesús chámavos a facelo presente no acontecer da vida, converténdovos en seguidores, testemuñas e evanxelizadores. Achegades á Igrexa a beleza da vosa mocidade, dándovos sen recompensa”. Á vez, subliñou que “a través da santidade dos mozos a Igrexa pode renovar o seu ardor espiritual e o seu vigor apostólico. O bálsamo da santidade xerada pola vida boa de tantos mozos pode curar as feridas da Igrexa e do mundo, devolvéndonos a aquela plenitude do amor ao que desde sempre fomos chamados: a mocidade santa anímannos a volver ao noso amor primeiro, como nos di o papa Francisco”.
O arcebispo animou os mozos e mozas a mirar “con confianza cara ao futuro. Non pasedes pola vida, vivídea responsablemente. Os cristiáns non reteñen con nostalxia o pasado, senón que o compromiso é acceder á memoria eterna do Pai, e isto só é posible vivindo unha vida de caridade”. Con isto, exhortounos a “facer sucos na terra da nosa sociedade para sementar a mancheas a semente do Evanxeo que é salvación, verdade, beleza, curación e graza. Subide á barca de Pedro, a Igrexa, que multiplica as súas chamadas e signos na nosa peregrinación, iluminando o misterio do home.”
Con isto, asegurou que “o Apóstolo Santiago esperábavos. É posible que esteades cansos fisicamente, pero non hai espazo en vós para a fatiga espiritual. Nos novos horizontes descubertos cada día na vosa relación con Deus, prescindistes de todas aquelas cousas superficiais e accesorias que pesan na mochila da existencia e que impiden camiñar lixeiros. A sede de Deus alumouvos para atopar a fonte de felicidade que buscades”, concluíu.
Fonte: El Correo Gallego