O Camiño de Santiago, broche de ouro do VIII Congreso Mundial de Pastoral de Turismo

  • O director da S.A. Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa, ofreceu o último relatorio do congreso abordando as realidades sociais e económicas do Camiño de Santiago
  • O congreso conclúe coa aposta por “un turismo sostible, onde o encontro coas persoas sexa prioritario, e enriquecelo desde a identidade cristiá”.
  • O IX Congreso Mundial terá lugar dentro de tres anos nalgún país de Sudamérica
  • A peregrinación polo último tramo do Camiño de Santiago e a Misa do Peregrino puxeron fin ao encontro, que contou durante catro días coa participación de varias autoridades eclesiásticas, sacerdotes, laicos e algúns diplomáticos procedentes de distintas partes do mundo

O Camiño de Santiago centrou a última xornada do Congreso Mundial de Pastoral de Turismo que celebrou en Compostela a súa VIII edición no marco do Ano Santo, coa participación de numerosas autoridades eclesiásticas procedentes de diferentes países de todo o mundo.
Ildefonso de la Campa, director do Xacobeo e Relacións coas Asociacións do Camiño de Santiago, foi o encargado de achegar aos congresistas a historia do Camiño de Santiago e a súa posta en valor desde 1993, cando se crea a S.A. Xestión do Plan Xacobeo baixo o mandato de Manuel Fraga; a recuperación das súas diferentes Rotas ata chegar ás dez que hai na actualidade, e as súas realidades sociais e económicas, ademais de explicar o proxecto de recuperación e protección patrimonial e paisaxística levado a cabo desde a Xunta de Galicia.

De la Campa tamén ofreceu numerosos datos de interese para os congresistas de máis de 25 países de distintos continentes que asisten ao encontro, lembrando que “en 2019, antes da pandemia, percorreron o Camiño máis de 350.000 peregrinos, dos que o 60% son estranxeiros de máis de 160 nacionalidades”, explicando tamén que no que levamos de 2022 xa se superaron as cifras do anterior Ano Santo, e afirmando que “hai un crecemento continuo do número de peregrinos en Galicia, con picos importantes nos anos Xacobeos”.
Así mesmo sinalou que “no inverno hai máis peregrinos expertos que percorren a Rota Xacobeo, que lle dan máis importancia á reflexión e á espiritualidade”, mentres que no verán “hai peregrinacións masivas de estudantes, de grupos de estranxeiros… sendo os máis numerosos en xullo, agosto e setembro”.
Respecto diso, De la Campa fixo fincapé na necesidade de que “esta intensa afluencia de peregrinos sexa tratada coa máxima prudencia”, sinalou De la Campa, “pois está en xogo o efecto vertebrador do Camiño de Santiago en Galicia”. Declarado Primeiro Itinerario Cultural Europeo en 1987, o Camiño de Santiago conta con 1.500 quilómetros de rotas xacobeas repartidos por Galicia.
Ademais, hai máis de 83.000 quilómetros de Camiños de Santiago identificados en Europa e máis de 350 asociacións de Amigos do Camiño nos cinco continentes, aos que cualificou como “os grandes valedores para ver o estado e condicións no que están as rotas e poder actuar sobre eles desde a Administración”.
De la Campa lembrou que “o Camiño destaca pola súa diversidade paisaxística, cultural, patrimonial e demográfica” e por “a heteroxeneidade dos perfís de peregrinos”. As estatísticas tamén constatan o éxito do Camiño de Santiago. O 98,6 por cento dos peregrinos recomendaría peregrinar seguindo este itinerario e a valoración global é “moi positiva, aínda que máis para o conxunto da poboación que para os residentes individuais”.
Ademais, De la Campa sinalou que “os peregrinos supoñen directamente o 2,3 por cento do gasto turístico en Galicia” e que “cada peregrinos supón o mesmo impacto económico que 2 ou 3 turistas nacionais”. E é que para a maioría da poboación, os beneficios do Camiño para os municipios polos que pasan son superiores aos custos. Un impacto económico positivo que recoñece máis do 90% dos residentes.
CONCLUSIÓNS. O congreso finalizou onte a súa andaina coas conclusións tras os relatorios destes días e os desafíos futuros. O bispo auxiliar de Santiago, Monseñor Francisco Prieto, sinalou que “o congreso foi unha grande oportunidade para repensar a pastoral de turismo, unha pastoral que ten que abrir un camiño de esperanza para os que traballan no sector e para os que traballan como axentes de pastoral”.
Monseñor Prieto falou da necesidade do desenvolvemento integral para conseguir “un turismo sostible, onde o encontro coas persoas sexa prioritario e enriquecelo desde a identidade cristiá”.
“O congreso fai que a pastoral de turismo sexa orgánica e ordinaria na vida das igrexas diocesanas”, sinalando que “o turismo en todas as súas dimensións, de lecer, relixioso, de peregrinacións… ten que ser unha das nosas preocupacións para a evanxelización. Alá onde hai grupos ten que estar presente a Igrexa”.
A xornada finalizou cunha peregrinación desde o Monte do Gozo á Catedral compostelá, onde se celebrou a Misa do Peregrino, e o emprazamento ao próximo Congreso Mundial de Pastoral de Turismo que terá lugar dentro de tres anos nalgún país de Sudamérica.